16 oct 2013

"A cidadanía sempre remata por derribar aos tiranos". Beiras no debate do estado da nación

Xosé Manuel Beiras debuxou esta tarde o estado dunha nación, a galega, na que “cada vez hai máis cidadáns en condicións límite de existencia”. Nunha intervención de corenta minutos, o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) repasou polo miúdo as desfeitas en que a reacción, encarnada en Galicia no PP do señor Núñez, deitou a Galiza e acabou chamando á cidadanía á “reconquista das liberdades cívicas e políticas efectivas porque é a hora da soberanía popular no sentido propio da palabra”.
Perante a colección de embustes emitida esta mañá polo presidente da Xunta, que deixou a imaxe dun país inexistente e –segundo el- a piques de saír da crise, Beiras descendeu á terra. “Existen médicos e sanitarios que cualifican de ‘homicida’ a decisión de que os pacientes de enfermidades crónicas ou graves teñan que pagar polo tratamento extra hospitalario”, exemplificou, “medra a mortalidade dos vellos que non se medican polo repago, empurraron a clase labrega ao exterminio, efectúan un ataque racista e clasista contra o noso idioma”. “Carecen vostedes de sensibilidade?, son vostedes de pau?”, espetou Beiras ás bancadas do PP. Mentres, o señor Núñez comentaba entre risos as palabras do portavoz de AGE.

15 oct 2013

Beiras censura que Feijóo use as vítimas do accidente de Angrois para adobiar un discurso a anos luz da vida da xente


"Hai que ter o estómago de caucho para utilizar as vítimas, os veciños de Angrois, os maltratados traballadores da función pública ou aos voluntarios para parasitar unha traxedia da que eles mesmos foron responsábeis". Para Xosé Manuel Beiras o discurso de Alberto Núñez Feijóo no debate de estado da nación caracterizouse, sobre todo, por "quedar descualificado no ámbito da ética máis elemental".
"Os seus colegas, que ocupan altísimo cargos, foron directamente responsábeis do que sucedeu en Angrois", engadiu, " e cuñados de 'terroristas' non polo Beiras, senón por unha deputada do PP que ía no tren". O señor Núñez apelou, coa habitual falta de escrúpulos que amosa, a un presunto "espírito de Angrois" para intentar desactivar o traballo da oposición.
Logo de case dúas horas dunha intervención baseada na mentira e no cinismo, o único que quedou claro é que Núñez vive nunha realidade paralela. Ou que di que vive nunha realidade paralela. "Se prestastes atención", dirixiuse Beiras aos medios de comunicación ao remate do discurso do presidente da Xunta, "un pensaría que estabamos diante dunha persoa que estaba a facer o seu discurso de investidura. Pois ben, se quere facelo, que convoque eleccións".
Segundo Núñez, no seu discurso triunfalista e alienado, a anos luz da vida da xente, Galiza "achégase á saída da crise". Ese país que non existe e esa noxenta apoloxía das políticas de austeridade que levan Europa ao abismo social e económico serán contestadas por Alternativa Galega de Esquerda. E xa o están a ser nas rúas, nas fábricas, nos centros de traballo, nos movementos sociais, nos sindicatos, en todos os segmentos da cidadanía non resignada que esta mañá, ao escoitar a Núñez, só puideron sentir unha profunda náusea.

Ás 16 h comeza a quenda dos grupos da oposición no #debate2013, falará Xosé Manuel Beiras sobre as cinco menos vinte, que o podes ver en directo no seguinte enlace. Deixamovos a varloración do dedebate do Estado da Nación feita por Xosé Manuel Beiras

14 oct 2013

A Xunta será cómplice dunha medida noxenta, cruel e clasista como é o repago farmaceútico en hospitais

Alternativa Galega de Esquerda manifestou o seu total rexeitamento ao repago da farmacia hospitalaria que o Goberno estatal anunciou xa que introduciría antes de final deste mesmo ano xa que se trata dunha medida noxenta, inhumana, cruel e clasista e que responde ao capitalismo máis salvaxe impulsado polo Partido Popular. Así, a deputada de AGE, Eva Solla, asegurou que “a señora Mato e o Goberno do PP teñen pensado deixar morrer á xente” en base a un falaz aforro económico que no chegará ao 0,1 por cento.

A deputada de AGE lembrou que non se trata de calquera enfermo ou enferma senón que son os máis graves, como cancros graves de próstata, de ril, de mama, leucemias, tumores cerebrais, artrite reumatoidea, hepatite C, citomegalovirus afectando así aos enfermos graves de SIDA, esclerose múltiple, e moitas máis.

Un repago do 10 por cento o que suporá pagar ata 4,20 euros por envase. Unha barbaridade coa que se converte un dereito social básico nun negocio e nun privilexio castigando unha vez máis aos mais desfavorecidos do noso país, algo que ao PP semella non lle preocupar o máis mínimo e que se ven a sumar aos recortes nas pensións, ao drama do paro, o repago nos comedores escolares, e unha longa lista de medidas contra a cidadanía do común coas que este “Goberno socializa as perdas para que paguemos entre todos e todas e privatiza os beneficios para que os cobren uns poucos”.
A deputada Eva Solla defendeu na súa intervención na Comisión de Sanidade o noxento que resulta o feito de que a mesma ministra Mato inmersa na trama Gürtel que lle financiaba con cartos públicos a súa vida privada, as súas festas ou as súas vacacións, sexa a que anuncie que lle van recortar aos que peor están, aos enfermos graves ou graves crónicos. “´É a corrupción da democracia, a podremia do réxime” lamentou.
Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda esixe ao goberno galego que amose a súa oposición a este un atentado contra a saúde dos máis febles da que a Xunta de Galicia será cómplice por apoiar esta medida que provocará a morte de xente no noso país, “pero ao Partido Popular lle da o mesmo”.

11 oct 2013

A Lei de inclusión social do PP repartirá é miseria e desesperanza

Alternativa Galega de Esquerda asegura que a Lei de inclusión para Galicia que pretende aprobar o Partido Popular é a lei da desesperanza e a miseria coa que a o goberno galego deixará morrer a milleiros de persoas que están xa por  debaixo do limiar da pobreza.

O deputado de AGE, Juan Manuel Fajardo, denunciou hoxe en rolda de prensa a falla de humanidade amosada unha vez máis polos populares xa que semella “para optar a un cargo dentro do PP, é preciso deixar o alma na casa”. Esta é a única explicación para xustificar algunha das condicións recollidas nesta Lei que na súa memoria económica contempla unha achega de 0,21 céntimos diarios para as máis de 650.000 persoas que actualmente están por debaixo do limiar da pobreza en Galicia. “Habería que castigar aos responsables políticos deste tipo de decisións a vivir durante medio ano como están a obrigar a vivir a estas persoas a ver se despois seguían defendendo as mesmas teorías” explicou o deputado Juan Manuel Fajardo e engadiu que “haberá que eliminar os coches oficiais e os ambientadores que colgan dos retrovisores dos mesmos porque se ve que este espazo rela o cerebro dos nosos gobernantes que viven alleos a dramática realidade de milleiros de persoas no noso país”.

9 oct 2013

Breve crónica da última asamblea comarcal de Anova Salnés

O pasado sábado 5 de Outubro tivo lugar en Cambados unha nova asemblea comarcal de Anova Salnés.

Foi unha asemblea algo atípica, no sentido de que tiñamos un punto, o da fronte ampla, que criamos que necesitaba moito tempo para o debate, polo que reducimos a orde do día, deixando algúns puntos, como a presentación de contas (en Anova Salnés presentamos as contas en cada asemblea, para que haxa total transparencia) para outra asemblea que se celebrara proximamente.

Polo que comezamos, da man dos compañeiros Xurxo, Ricardo e Andrea,  cun resumo da situación e do traballo de Anova na comarca. Expúxose como estaba a situación dos mariñeiros afectados pola regularización, os que damos todo o noso apoio, cales foron os pasos dados dende Anova e dende AGE, e acordamos, como non podía ser doutro xeito, seguir apoiándoos dentro das nosas posibilidades, tanto dende o parlamento como  dándolles respaldo na rúa.

Tamén falamos da situación dos pensionistas que foron emigrantes, e que agora  teñen problemas con facenda. Falamos dos actos realizados, como o de Portonovo, que tivo moi boa acollida, sobre todo polo
formato, cun gran peso no aporte de información, mais aló de criterios políticos. E tivemos oportunidade de felicitar ós compañeiros de Ogrobe, que conseguiron que no pleno municipal se aprobara a apertura dunha oficina de información para os afectados por esta situación, algo que solicitamos noutros concellos da comarca sen resposta positiva. Dende logo estivemos de acordo na necesidade de seguir traballando na mesma liña, buscando aportar solucións antes que gañar rendas políticas.

Logo, da man da deputada Chelo Martinez e do membro da Coordinadora Nacional e da Comisión Permanente como Comisionado de Relacións Políticas,  Luis Eyre Dieguez, abordamos o tempo da formación dunha fronte ampla para acudir as eleccións ó Parlamento Europeo do próximo ano.  Eyre é un dos membros de ANOVA que está a participar nas xuntanzas con outras organizacións políticas ás que se lle presentou a proposta de constitución da Frente Ampla, polo cal a súa visión foinos de gran axuda.

8 oct 2013

Chelo Martínez e Antón Sánchez denuncian a pasividade de Industria perante as graves irregularidades no plan de inversións de Unión-Fenosa


Antón Sánchez e Consuelo Martínez aseguran de que se non se actúa contra á empresa estarase a incorrer nun delito de prevaricación omisiva.
Consuelo Martínez e Antón Sánchez fixeron público en rolda de prensa as irregularidades detectadas polos propios técnicos e que foron remitidas á consellería. Entre elas, o informe desfavorable ao plan anual e plurianual de investimento para o período 2012-2015 por parte de Unión –Fenosa.
Alternativa Galega de Esquerda denunciou en rolda de prensa o posible delito de prevaricación omisiva no que pode incorrer o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Bernardo Taoces, ao non actuar contra as graves irregularidades cometidas pola empresa Unión-Fenosa Distribución S.A. e que foron xa denunciadas polos técnicos do servizo da Xefatura territorial da Coruña hai máis dun ano.
Consuelo Martínez e Antón Sánchez fixeron público en rolda de prensa as irregularidades detectadas polos propios técnicos e que foron remitidas á consellería entre as que se atopa o informe desfavorable ao plan anual e plurianual

Comunicado perante a explosión no concello de Beade

Dende Anova Salnes queremos suscribir o comunicado realizado por Alternativa Galega de Esquerda perante a explosión dun artefacto no Concello de Beade. Nin tan sequera as mostras de franquismo, autoritarismo, fascismo e desprezo polo ser humano merecen o uso da violencia. Este non é o camiño da revolta cívica que dende Anova - Irmandade Nacionalista propugnamos. 
 Deixamos, a continuación, o texto de AGE: 
 Alternativa Galega de Esquerda manifesta a súa condena a todo tipo de violencia. Alternativa Galega de Esquerda, en relación á explosión rexistrada na Casa Consistorial de Beade (Ourense), quere manifestar o seu rexeitamento ao ataque perpetrado contra a Casa do Concello de Beade. Trátase dun ataque contra a casa do pobo e, xa que logo, dun acto de violencia que ataca á cidadanía, ao conxunto de vecinos e veciñas de Beade. Por todo isto, unha vez máis desde Alternativa Galega de Esquerda insiste en que condena calquera tipo de violencia sen distinción de ningún xénero.

3 oct 2013

ANOVA CONVOCA UNHA ASEMBLEA PARA PRESENTAR A PROPOSTA DE CONSTITUCIÓN DUNHA FRONTE AMPLA PARA AS ELEICIÓNS EUROPEAS 2014

Será o sábado, 5 de Outubro as 18.00 H. en Exposalnés – Cambados, e na mesma participará o Comisionado nacional de Relacións Políticas de ANOVA, Luis Eyre Dieguez

As agrupacións locais de ANOVA Irmandade Nacionalista do Salnés teñen convocada para este sábado unha Asemblea coa finalidade de presentar a proposta de configuración dunha Frente Ampla de cara as próximas eleicións ao parlamento europeo do 2014.  Terá lugar as 18.00 Horas no Edificio Exposalnés – Cambados e como todas as asambleas de ANOVA será aberta non só a militantes e simpatizantes, senón a todas aquelas persoas as que lles interese coñecer a proposta ou aportar o seu grao de area para colaborar nunha alternativa política e social contra as políticas dos gobernos actuais.

Para a presentación da proposta aprobada pola Coordinadora Nacional de ANOVA participarán na Asemblea Chelo Martinez, deputada de A.G.E., e Luis Eyre Dieguez, Membro da Dirección Permanente Nacional e Comisionado de Relacións Políticas.  Eyre e un dos membros de ANOVA que está a participar nas xuntanzas con outras organizacións políticas as que se lle presentou a proposta de constitución da Frente Ampla.

Como se explicita na proposta aprobada (preme aqui) a Frente Ampla pretende ir incluso máis ala do obxectivo de conseguir representación no parlamento europeo, senón tamén ter a oportunidade de intervir e incidir no proceso de fin de réxime cara a un novo ciclo político que está a ser propiciado polo activismo da cidadanía.

A crise económica e os seus efectos sobre as maiorías sociais pola xestión que daquela se está a facer; o desemprego e os recortes en dereitos e liberdades sociais; a situación da UE secuestrada por institucións "tecnocráticas"; a posibilidade da fin do réxime nacido da transición, e os efectos que todo iso ten nunha Xunta de Galicia e demais institucións autonómicas cada volta máis inservíbeis para a cidadanía galega, reclaman que traballemos combinadamente en todos eses ámbitos.

ANOVA mantivo dende a súa creación unha aposta nídia pola unidade de acción tanto das forzas nacionalistas como da esquerda e dos movementos cívicos. Esa aposta e a que lugar por exemplo nas últimas eleicións a coalición eleitoral Alternativa Galega de Esquerdas.  O que se pretende agora e impulsar un proceso de creación dunha Fronte Ampla nunha primeira instancia a nivel da nación galega como suxeito político soberano, e posteriormente traballar para a constitución dunha plataforma integrada por forzas similares do resto do estado español. Isto concretouse nun acordo que se resume nos dous puntos seguintes:


1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.

2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.


OUTROS TEMAS DA ASEMBLEA COMARCAL

Os asistentes a Asemblea de ANOVA tamén terán ocasión de coñecer os posicionamentos de ANOVA – Salnés sobre diversas problemáticas de ámbito comarcal como é a situación dos emigrantes retornados, aos que a Axencia Tributaria lles está a mandar Expedientes sancionadores pola non declaración das súas pensións do extranxeiro; ou o caso dos mariñeiros propietarios de embarcacións menores con problemas para regularizar as súas embarcacións. Dende ANOVA xa manifestamos públicamente o noso apoio as demandas destes dous colectivos. 


Xa no nivel organizativo, debatirase a situación da organización a nivel comarcal e elixirase a persoa que se incorporara a Coordinadora Nacional de ANOVA en representación da área comarcal do Salnés.

1 oct 2013

CHARLA INFORMATIVA “A tributación dos emigrantes retornados: Problemas e solucións”

EN PORTONOVO (SANXENXO):

A Agrupación local de ANOVA no Concello de Sanxenxo vai organizar unha charla informativa sobre esta cuestión dirixida ao colectivo de emigrantes retornados.

Baixo o título A tributación dos emigrantes retornados: Problemas e solucións esta charla terá lugar o próximo mércores, día 2 de outubro, ás 20.30 Horas no Edificio Multiusos de Portonovo.

Na mesma intervirán ademáis dun membro da agrupación local, un Xestor Profesional Colexiado mercantil, Xurxo Charlín Trigo, que explicará a lexislación referente á tributación dos emigrantes e responderá as preguntas dos asistentes sobre recursos ádisposición dos afectados; e o Deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Juan Fajardo, que informará sobre as medidas propostas dende AGE no Parlamento Galego así como os acordos conseguidos ao respecto.


A asistencia á charla é libre e convídase a todas as persoas interesadas no tema a que asistan á mesma.

30 sept 2013

O auto do xuíz Aláez proba que a estafa do “AVE galego” determinou as eivas de seguridade

Feijoo e Blanco inaugurando o que chamaban  AVE galego,
 denominación  que Feijoo negaría logo do accidente de Angrois.
O auto xudicial ditado o pasado 24 de setembro polo xuíz Aláez, que instrúe o accidente do tren de Angrois, vén reforzar as reiteradas denuncias públicas de Alternativa Galega de Esquerda (AGE): o cambiazo do denominado Ave galego, en realidade un tren de velocidade alta, determinou a insuficiencia e as eivas nos sistemas de seguridade. O documento xudicial imputa, contra o criterio da fiscalía, aos dirixentes de Adif. “Foron decisións en última instancia políticas”, denuncia a maiores o deputado de Alternativa Antón Sánchez, “as que deron en que non se implantase o sistema de freado máis avanzado, o ERMTS, si previsto no proxecto de 2009”. 

Para Sánchez, o carácter político da opción finalmente adoptada polos sucesivos Ministerios de Fomento –de PSOE e de PP- queda probado no diario de sesións do Congreso, que recolle a intervención do presidente de Adif o pasado 8 de agosto:
“Los responsables de ADIF en ese momento tomaron la decisión de realizar el montaje inicial de la vía entre Ourense y Santiago en ancho convencional para, con posterioridad, transformarla a ancho UIC. Asimismo, decidieron una simplificación del esquema de vías. En junio de 2010  hacen una propuesta de modificado y, finalmente, a propuesta del presidente de ADIF con la conformidad del secretario de Estado de Planificación e Infraestructuras, el ministro de Fomento autoriza la continuidad de las obras el 25 de abril de 2011”.

26 sept 2013

O CONCELLO DE CAMBADOS DESTINOU NO 2012 MÁIS DO DOBRE DE CARTOS EN BOLSAS DE ESTUDOS PARA FILLOS DE EMPREGADOS MUNICIPAIS QUE EN AXUDAS PARA FAMILIAS CON POUCOS RECURSOS

Mentres o gasto en becas e axudas en material escolar para familias con poucos recursos baixaba en case un 70% dende o 2010 (de 6.999 a 2.250 no 2012) a de bolsas de estudos para familiares de empregados subía de 3.774 a 4.549 .

Dende a Agrupación local de ANOVA Irmandade Nacionalista en Cambados xa levamos tempo denunciando a falta de sensibilidade que amosa o Goberno do PP de Cambados coas familias e veciños que peor o están pasando e sufrindo os efectos da crise económica.  Nesta ocasión queremos demostralo analizando as axudas municipais relativas a bolsas de estudos, becas e axudas para material escolar durante estes últimos anos.

No ultimo pleno puidemos escoitar presumir o Alcalde do PP de Cambados de ter uns orzamentos nos que se manteñenas partidas en asuntos sociais, cultura e deporte, cando a realidade é que logo podemos comprobar que ao final o gasto realizado nestes conceptos si variou e bastante nos últimos exercicios… Tamén presumiu de que se ía crear unha comisión para modificar a ordenanza das bolsas municipais, pero a pesar de que o curso escolar xa comezou, e de que a proposta é do mes de Agosto, aínda non se fixo nada neste senso.

En canto ao gasto realizado, si lles botamos un ollo ás gráficas que se achegan, podemos ver que a pesar de manter a mesma partida orzamentaria nos últimos tres exercicios de 7.000,00 € (PartidaOrzamentaria 323.481.00), en troques, o gasto real cae ano tras ano, chegando, no exercicio pasado, a gastar soamente un 32,14 % da partida orzamentaria de bolsas públicas de estudo (2.250 €).  Esto significa que dende o ano 2010 reduciuse o investimento por este concepto en case un 70%, pasando de 6.999 € a 2.250 €. Xusto cando máis afecta a crise económica e cando máis axuda se precisa o Concello reduce esta partida.

Sen embargo, podemos comprobar como a partida orzamentaria para bolsas de estudos aos fillos de empregados municipais (Partida Orzamentaria 221.162.04), dispuxo nos últimos tres exercicios dunha cantidade orzamentaria de 3.500,00 €, pero tivo un gasto real no 2012 de  4.549,00 €, 1049€ por  riba do orzamentado e máis do dobre dos 2.250,00 € que se destinaron a bolsas públicas.

Este tipo de axudas ao estudo para os fillos de empregados municipais teñen a súa orixe no Convenio Colectivo do Concello de Cambados, no cal se especifica que todos os empregados municipais que teñan fillos que están cursando estudos teñen dereito a este tipo de axudas, con independencia do salario que perciban e, sen que importen as rendas do empregado municipal. Deste xeito é posible que un empregado do Concello, con salario fixo, poida acadar un importe superior ao que se lle concede a unha familia sen recursos e que solicita as bolsas públicas municipais.

O que é evidente é que esta redución no importe das bolsas públicas non se debe a que non existan rapaces que precisen o diñeiro para os seus estudos. Non hai que esquecer que, como fixo público Amigos de Galicia hai uns días na prensa, axudóuselles a un total de 21 escolares na adquisición de material escolar, e fíxose a través das colaboracións dos veciños e das librerías cambadesas. Parece que no Concello de Cambados non interesa axudarlles a estas familias e así dispoñer dun exceso de crédito nos orzamentos para destinalo ás axudas para o estudo dos fillos de empregados aínda que se exceda a partida orzamentaria.

Dende Anova cremos que urxe a creación dunha comisión municipal para crear unha nova ordenanza de bolsas, e instamos dende aquí, ao alcalde de Cambados, o señor Aragunde, a que canto antes se poña mans á obra con este asunto e que mentres tanto dende o Concello se lles preste atención a todas as familias con poucos recursos para que non teña que ser os servizos sociais e a boa vontade dos libreiros quen se ocupe de axudarlles a eses nenos.

25 sept 2013

Entrevista a Xurxo Charlin en relación á situación dos pensionistas emigrantes retornados coa Axencia Tributaria

Nos últimos meses o goteo de de pensionistas que foron emigrantes sancionados pola Axencia Tributaria e constante, e aproximase, en número de afectados, o caso das preferentes. Dende Anova Salnes, mais alo das nosas iniciativas políticas, como a de solicitar nos concellos que se habiliten oficinas de información, quixemos consultar a un experto nestas cuestións. A entrevista podedes ollala premendo no seguinte enlace:

"Nas europeas Galiza debe ter presenza como tal" - Entrevista a Beiras na TVG

Nas europeas, Galiza debe ter presenza como tal e ao tempo ser ensaio xeral dun escenario de ruptura democrática do réxime.

Dixo Xosé Manuel Beiras no Bos Días da TVG que "o réxime político do Estado está putrefacto". Nese escenario, as accións concretas deben ir encamiñadas cara unha transición política.

23 sept 2013

Alternativa Galega de Esquerda esixe que o Sergas revise o contrato de Clece no hospital do Salnés



Alternativa Galega de Esquerda esixe que o Sergas revise o contrato de Clece no hospital do Salnés polos conflitos laborais da empresa. O deputado Juan Fajardo insiste en que os pregos de contratación públicos impidan acordos con compañías privadas que violan os dereitos das traballadoras e traballadores

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, vén de esixir ao Sergas que revise de contado o contrato do hospital do Salnés coa empresa Clece, publicado estes días. “Non pode ser que a Administración pública contrate con empresas privadas coñecidas por violar os dereitos laborais dos traballadores”, denuncia Fajardo, “e o caso de Clece é paradigmático, envolta en numerosos conflitos laborais. Sen ir máis lonxe, contra as traballadoras e traballadores da limpeza no hospital de Vigo”.


O parlamentario de AGE volve insistir en que os pregos de contratación da Xunta con empresas privadas deben prohibir os acordos con compañías que violen a legalidade laboral e ataquen as asalariadas e asalariados. A este respecto, Alternativa xa presentou iniciativas parlamentarias, sistematicamente rexeitadas por un Partido Popular para quen o seu modelo de relacións laborais parece ollarse no espello da escravitude.


AGE abandona a comisión da corrupción pola manipulación e as imposicións do PP

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) abandonou esta mañá a denominada Comisión de estudo de medidas de prevención e erradicación da corrupción, farta da instrumentalización, da manipulación e das imposicións do Partido Popular. A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, denuncia que a estratexia da dereita no órgano parlamentario vén dende a súa mesma constitución, cando o PP se negou a pactar o plan de traballo e ditou unilateralmente o seu. “Así entende a democracia o partido de Feijóo”, afirma Díaz, “só se apoias sen chistar o que eles propoñen”.
Alternativa esixira xusto antes de se constituír a ponencia –da que tamén se ausentou o BNG- a comparecencia na comisión de Modesto Fernández. Fernández era o xerente do PP galego no 2006. Nese ano, segundo figura nos papeis de Bárcenas -o ex tesoureiro do PP agora encarcerado-, a organización que presidía Alberto Núñez Feijóo recibiu máis dun millón de euros de empresas privadas que violaron a legalidade sobre financiamento de partidos. “O PP non quere explicar o seu presunto financiamento irregular, será porque oculta algo”, engade Díaz.
No plan de traballo que presentará AGE incidíase na necesidade de ter en conta non só os corruptos senón tamén os corruptores. No caso concreto do presunto financiamento irregular do partido de Núñez, estas serían as empresas que doaron cartos ao PP por riba do límite legal. A comisión da corrupción, coa maioría absoluta do PP, tampouco quere saber nada disto. “Unha vez máis, o PP aplica a mordaza ao Parlamento”, denuncia a viceportavoz de AGE.  

20 sept 2013

O ensino público atópase nunha situación límite

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) alertou esta mañá de que o ensino público galego atópase “nunha situación límite”. A voz de alarma dérona en rolda de prensa os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, quen avisaron, ademais, de que se non se toman medidas, “levará decenios reverter este proceso”. Os ataques da Xunta do señor Núñez ao ensino público forman parte central da súa estratexia de devaluación xeral da existencia das galegas e dos galegos. Para este curso -2013-2014- fano con durísimas medidas que cuestionan o dereito á educación pública das cativas e cativos, estabelecen o repago nos comedores escolares e precarizan –aínda máis- os empregos do profesorado pola vía de aumentar as interinidades. 

“A Xunta asegura que o curso comeza con normalidade”, afirmou Xabier Ron, “pero iso é un embuste, de non ser que entendamos por normalidade un país en que 93.000 fogares están no desemprego e o paro xuvenil afecta a máis do 50% das persoas. Cun 33% de familias en situación de exclusión, non podemos falar de normalidade”. Nese contexto, a consellaría de Educación discorre un infame decreto sobre os comedores escolares para que as familias paguen por este servizo. Cando antes o 92% dos alumnos tiñan este dereito de balde, agora unha familia en que os pais cobren 825 euros de salario cada un deberá pagar 20 euros ao mes polo comedor. Se o soldo é de 1.125 euros, a tarifa que se lles aplica será a máxima, 45 euros ao mes. “Isto é o que Feijóo chama rendas altas, nin máis nin menos”, indignouse Ramón Vázquez, quen prognosticou que ese decreto fará que moitos nenos non poidan usar o comedor.
No deseño do Goberno do PP para a escola pública todo está planificado para destruír un dereito universal que só se conseguiu logo anos e anos de loita. Por iso tamén inclúe a precarización do profesorado mediante o mecanismo de facer aumentar os interinos. Só en primaria, medraron un 30% respecto do curso pasado –de 547 a 825. Mentres financia con subvencións colexios ultrarreaccionarios que segregan o alumnado por sexo, a Consellaría de Educación pecha 15 colexios públicos –case todos no rural- e deixa os sistema  con 57 aulas menos. Iso si, concerta 40 novas aulas con empresas privadas e 18 unidades de Formación Profesional. Os recortes nos cartos públicos para axudar a mercar os libros de texto –logo de eliminar a súa gratuidade- son do 10%. “O PP está a dar pasos para aclimatar o ensino á denominada Lei Orgánica de Mellora da Calidade do Ensino [Lomce]”.
Faino tamén pola vía da españolización dos itinerarios educativos e coa redución do galego nas aulas, algo inaudito na historia da autonomía ate que o señor Núñez chegou co seu discurso contrario á lingua propia de Galicia. Aínda hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de lle dar un ultimátum á Xunta para que elimine dunha vez a enquisa sobre linguas en que fundamenta o trato discriminatorio ao galego.

Os plans do PP para escola pública descartan, a maiores, a proposta que onte defendeu AGE na correspondente comisión parlamentaria de elaboración dun plan destinado a evitar carencias nutricionais no alumnado. Estas, que mestres e orientadores cadora detectan con máis asiduidade, fan preciso que a Administración pública actúe e para non deixar, así, todo en mans da caridade. A caridade e a beneficiencia foi exactamente a resposta que Alternativa obtivo do Partido Popular á súa proposta. “O PP négase e logo aproba un plan contra a obesidade, que está directamente relacionada cos problemas nutricionais”. A creación de aulas de castigo recollida no decreto que desenvolve a lei de convivencia é outro elemento máis da brutal ofensiva da dereita contra o ensino público e galego e de calidade. “Están a someter a sociedade galega a unha purga”, concluíu Ramón Vázquez.

ESPINA Y DELFÍN, EMPRESA ADXUDICATARIA DA XESTIÓN DA REDE DE SUMIDOIROS DA MANCOMUNIDADE DO SALNÉS, FIGURA NA RELACIÓN DE EMPRESAS QUE SUPOSTAMENTE FINANCIARON AO PP GALEGO

Nos papeis do “caso Bárcenas” sobre a contabilidade B do PP Galego, figura unha aportación no 2006, ano seguinte a adxudicación do contrato, por un total de 47.700 €.

Durante este verán, varios medios facíanse eco de que entre os documentos e informesque manexa o xuíz Pablo Ruz, en relación ao coñecido como “caso Barcenas” sobre o financiamento irregular do Partido Popular, figuraban informes que revelarían unha suposta contabilidade B do Partido Popular en Galicia, entre eles un informe sobre diversas doazóns, ata un total de 2.600.000 €, de empresas relacionadas coa construción e con adxudicacións de contratos da Xunta de Galicia.


Segundo a información publicada, estas doazóns non figuran na contabilidade oficial do partido e terían servido para o financiamento da campaña electoral das autonómicas do ano 2006. Entre as empresas que figuran nesa relación estaría “Espina y Delfín” cunha aportación de 47.700 Euros.

A parte do cuestión ética que pode supor que empresas que traballan e teñen contratos coa Administración Pública financien a determinados Partidos Políticos, hai que engadir que, de ser certo, constituiría unha situación irregular xa que, aínda que esta cantidade non supera o mínimo legal establecido na lexislación (que serían 60.000 €), trátase dunha empresa contratista de obra pública, feito prohibido nas leis sobre transparencia na administración e sobre financiamento de Partidos Políticos. Por certo a maioría destes contratos son dependentes da Consellería que entonces dirixía o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Pois ben, curiosamente no ano 2005 a empresa “Espina y Delfín” foi a adxudicataria do contrato administrativo da xestión integral do servizo público de sumidoiros dos Concellos do Salnés que teñen mancomunado este servizo a través da Mancomunidade (Cambados, Ribadumia e Vilanova, máis algunha zona de Meaño).   

Esta firma, única que se presentou ao concurso, facíase así tanto co mantemento da rede de sumidoiros, como das estacións de bombeo destes 3 concellos, conseguindo un contrato por un período de 25 anos, a cambio do cobro das tarifas aprobadas nos distintos Concellos...   Esta adxudicación tivo a súa polémica xa que dende a oposición denunciaron xa daquela o supoñer un incremento medio dun 23% nos recibos de saneamento.

Estamos falando da mesma empresa que esta estes días a pasar os recibos do saneamento co aumento correspondente ao ano 2013, máis o novo canón de saneamento imposto pola Lei de Augas da Xunta de Galicia;  e tamén da mesma rede de sumidoiros que leva tempo causando molestias, polos continuados fallos de mantemento e cheiros, aos veciños do Concello de Cambados.


Todo o anterior e casualidade ou causalidade??? Iso tamén nos preguntamos en ANOVA Irmandade Nacionalista, que non podemos deixar de reflexionar si existe ou non democracia real cando quen goberna forma parte dun sistema corrupto ou cando hai cada día máis casos de empresas que subornan a cambio de contratos ou concesións, subornos que logo terminamos pagando os cidadáns dos nosos petos.  Pensamos que xa ten chegado o momento de esixir a clase política que respete polo menos as regras do xogo que eles mesmos tentan impoñer aos demais.  

19 sept 2013

AGE esixe coñecer o caderno de vendas de NovaGaliciaBanco para deitar luz sobre o espolio do aforro galego

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de solicitar á comisión de investigación sobre as caixas de aforros que pida ao FROB o caderno de vendas de NovaGaliciaBanco encargado no mes de xullo á entidade BNP-Paribás. Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE, e Yolanda Díaz, viceportavoz, asinan un escrito no que esixen ao órgano parlamentario que incorpore o documento aos seus traballos. O caderno de vendas fixa o valor da entidade e, segundo a opinión de Beiras e Díaz, facelo público contribuiría “á defensa do interese de Galiza neste proceso de espolio do aforro galego”. 
É o señor Núñez e o seu Goberno quen están a facilitar o escurantista proceso de desintegración e venda do que un día foron as caixas de aforro galegas. “Ben por falta de vontade, ben por falta de peso político”, sinalan os autores da solicitude, “NovaGalicia Banco non é considerada sistémica, no fondo porque Galiza non é sistémica para a política e a economía estatal. Así, o FROB non vai facer os esforzos que si se fan, por caso, con Bankia para conservar unha entidade galega de creto”.
Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o proceso de liquidación de NovaGaliciaBanco non pode quedar na sombra e ser unicamente coñecido polos grupos financeiros que participan na rapiña. Non pode ser que os fondos de investimento e os bancos saiban do caderno de vendas e do seu contido e a cidadanía galega, que cos seus cartos pagou o rescate público da entidade. AGE tamén pregunta ao presidente da Xunta a que se debe o seu interese en manter ocultos estes papeis.

18 sept 2013

Beiras denuncia que os incendios son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder ignorou sistematicamente”

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, denunciou esta maña en rolda de prensa que os incendios forestais son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder autonómico ignorou sistematicamente”. “É como se a catástrofe do Prestige se repetise cada ano e que os sucesivos Gobernos da Xunta non tomasen ningunha medida estratéxica, de longo alcance, ao respecto”, expuxo, antes de explicar a proposición non de lei (pnl) do seu grupo parlamentario que recupera o Ditame da Comisión non permanente para estudio da problemática dos incendios forestais aprobado polo Parlamento en 1987. Trátase dun documento que recolle 47 medidas concretas contra a problemática dos lumes. “Entre outros asuntos, inclúe a necesidade de ‘conseguir que as accións preventivas teñan cada vez máis importancia”, sinalou Beiras, “algo que, como vimos este ano, en que os traballos preventivos comezaron en xullo, segue sen se cumprir”.
As maiorías absolutas de Fraga Iribarne deixaron ese acordo unánime nun caixón. “É un exemplo de como o Partido Popular trata o traballo da oposición, desprézao e ignórao, especialmente dende a chegada de Fraga Iribarne e ate hoxe”, engadiu o portavoz de Alternativa, “e esquécese, cando se fala de alternativas, que no fondo dos arquivos deste Parlamento hai alternativas elaboradas pola oposición que nunca foron aceptadas polos gobernos do PP”. O caso do ditame de 1987 sobre os incendios non é este, xa que foi asinado por unanimidade na Cámara daquel ano.
Pero AGE vai máis alá de rescatar ese documento histórico. A través do deputado Antón Sánchez, que acompañou a Beiras na comparecencia antes os medios de comunicación, presentou outra proposición non de lei con 13 medidas para “entrar no fondo da cuestión dos lumes, algo que pasa por fixar poboación no medio rural”. Segundo Sánchez, a actitude do señor Núñez diante dos incendios redúcese a “inventar unha frase lapidaria cada día para intentar desviar a atención e eludir as súas responsabilidades”. Logo de cinco anos seguidos de Goberno, o PP de Núñez non elaborou un diagnóstico serio sobre o que acontece nos montes galegos. “Se o 45% dos lumes do Estado español prenden en Galicia, a que se debe? O señor Núñez intentou sabelo? Que medidas tomou?”, pregúntase o deputado, quen ataca a actitude do presidente da Xunta e equipáraa cun ministro do Interior que achacase as causas dun aumento de delincuencia aos delincuentes.
“O que acontece en Galicia non é casualidade”, estendeuse Antón Sánchez, “e ten que ver cun modelo forestal de baixa calidade ao servizo da industria pasteira ou cunha Xunta que non fai nada para impedir a reforestación ilegal de terras agrarias, xa denunciadas”. Entre 1987, ano do ditame do Parlamento galego ao respecto, e hoxe, 350.000 persoas abandonaron a actividade agraria. Eis unha das chaves do que sucede cada ano no monte galego. “Nos últimos anos, enfrontouse o monte coa actividade agraria, cando a súa relación sempre fora de cooperación”, concretou. Entre as medidas que AGE propón, logo de consultar con asociacións ecoloxistas, sindicatos agrarios ou mancomunidades de montes, atópanse un novo planeamento do monte a cincuenta anos vista, a profesionalización da detección e extinción de incendios ou un ordenamento territorial que fomente alternativas produtivas no rural.

17 sept 2013

Beiras advirte de que AGE seguirá a defender os cidadáns “custe o que custe”

“Non estamos dispostos a aceptar chantaxes nin do poder nin dos seus cómplices. Alternativa Galega de Esquerda vai continuar exercendo a dignidade, defendendo aos cidadáns e retroalimentando a rebelión cívica custe o que custe”. A comparecencia de prensa de Xosé Manuel Beiras, posterior á xunta de portavoces do Parlamento serviulle ao líder de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para ofrecer unha reflexión xeral sobre “a degradación e podremia” do réxime saído da Segunda Restauración Borbónica e das súas institucións. Entre elas, a Cámara de representantes galega. E fíxoo apenas uns minutos despois de que o Partido Popular se negase, en comisión, a condenar as infames declaracións do alcalde de Baralla en que xustificaba os asasinatos franquistas e frivolizase coas vítimas do franquismo.


“Nós chegamos aquí cun contrato cos cidadáns”, explicou Beiras, “e alerta para non adquirir compromisos podres, como advertía Oskar Lafontaine, usuais neste Parlamento. Iso comporta unha actitude obxectivamente transgresora. Pero por máis exasperación que amosemos nos debates, esta non é equiparábel ao acoso e discriminación ao que estamos sometidos polo PP”. De “fascismo de novo deseño” alcumou Beiras as actitudes dunha dereita, a comandada polo señor Núñez en Galicia, que encarna o poder corrupto, ese que nin sequera acepta dar explicacións nas institucións de asuntos como o financiamento irregular do PP galego ou sobre as responsabilidades no accidente de tren de Angrois. “Iso si, logo permítense atacar a AGE por defendermos os dereitos constitucionais de catro mozas e mozos [en referencia ás independentistas condenadas pola Audiencia Nacional cunha sentenza desproporcionada e inxusta]”, engadiu o portavoz de AGE, “condenados con leis de excepción inconstitucionais, que producen indefensión e que son denunciadas por Amnistía Internacional ou Justicia y Paz”.
Perante este estado de cousas, en que a maioría parlamentaria emprega o poder lexislativo como o seu couto privado, Beiras esixiu aos órganos de dirección do Parlamento que actúen en correspondencia coa defensa dos dereitos dos representantes. “E para analizar a violencia recoméndolles un libro de Löis Vacquant, Os cárceres da miseria, sobre os procesos que conducen á transformación dun Estado social nun Estado penal”, espetou, “porque o que temos é unha maioría social asfixiada polas políticas do PP e este, no canto de procurar solucións, aplica a represión pura e dura”. O portavoz de Alternativa rematou expondo que contra a apoloxía do fascismo do PP –que na comisión parlamentaria mesmo chegou a facer burla da condición de represaliado do pai da viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz-, o seu grupo parlamentario seguirá a “defender os cidadáns, mozos e vellos, e os dereitos constitucionais de todos”