Mostrando entradas con la etiqueta Educación ensino colexio age. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Educación ensino colexio age. Mostrar todas las entradas

11 jul 2013

Educación nega ciclos de FP a centros públicos para concertalos con privados

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, denuncia, de novo, a continuada e brutal ofensiva da Xunta contra o ensino público. Desta volta, os planos da Consellaría de Educación pasan por negar ciclos de FP a centros públicos para logo concertalos con institutos privados. Vén de acontecer en Chapela (Redondela) co IES Chapela. A este centro, o Goberno do señor Núñez non lle autorizou impartir o ciclo formativo de grao superior en Integración social. Ao mesmo tempo, o departamento que dirixe Jesús Vázquez outorgoullo ao instituto privado C.P.R. Aloya, en Vigo. “É intolerábel e representa o enésimo ataque ao ensino e á súa calidade en tanto que servizo público”, atacan os parlamentarios de AGE no texto da pnl (no documento anexo) rexistrada na Cámara.

Alternativa pon de manifesto que o instituto vigués Aloya segrega o alumnado por sexos e ampárase ideoloxicamente no catolicismo. “Só admite mulleres e iso mal pode cadrar cos valores que se transmiten no grado superior de Integración Social”, afirman Vázquez e Ron. Pero o caso do IES Chapela non é único. Ao centro público da Xunqueira, en Pontevedra, tampouco se lle permite ofertar ese mesmo grado superior, concedido en concerto ao privado San José de la Guía. “Todo isto non fai senón confirmar as obsesións privatizadoras da Consellaría de Educación”, sinalan dende AGE, “degradar o ensino público e derivar os estudantes cara ao privado, de ideoloxía católica e mesmo segregacionista”.
Segundo Ramón Vázquez e Xabier Ron, estas decisións da Xunta ideoloxicamente reaccionarias afectan aos dereitos constitucionais dos alumnos e alumnas a recibir unha educación non segregada. Para Alternativa, o Goberno do señor Núñez debe cancelar de contado os concertos con centros privados en todas as zonas onde exista oferta de prazas públicas e autorizar ao IES Chapela a impartir o grado superior de FP de Integración Social e retirarllo ao colexio ultracatólico Aloya.

20 jun 2013

Os comedores escolares deben abrir no verán para atender o alumnado con problemas económicos

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez, esixe á Consellaría de Educación que abra os comedores escolares nos meses de xullo e agosto para atender o alumnado con problemas económicos e carencias nutricionais. Esta iniciativa, presentada nunha proposición non de lei, responde a que profesorado e asociacións de nais e pais veñen denunciando, ao longo do curso que acaba de rematar, o aumento de cativas e cativos con carencias alimentarias. “Mesmo confirmouse”, afirman os parlamentarios de AGE, “que o xantar realizado no comedor escolar constitúe a principal achega nutritiva da xornada para boa parte dos estudantes”.

Coa crise derivada do neoliberalismo extremo e as políticas da troika aplicadas en Galicia polo Goberno do señor Núñez a forza de recortes e unha austeridade suicida, as condicións de vida das maiorías sociais empeoran día a día. 93.000 familias sobreviven con todos os seus membros en paro e 33.000 non reciben ningún tipo de ingreso. Datos do Instituto Galego de Estatística aseguran que seis de cada dez familias apenas dá chegado a fin de mes. 650.000 persoas están en situación de pobreza e 120.000, en pobreza severa. Neste contexto, os pediatras agrupados na Asociación Española de Pediatría insisten nos problemas de desnutrición infantil derivados do incremento da pobreza provocada polas accións da dereita que ocupa os diferentes gobernos.
Alternativa reclama, así, que os comedores escolares de vilas e cidades galegas abran durante as vacacións, o que permitiría que nenas e nenos accederán a unha alimentación axeitada e pide á Xunta un programa de atención socioalimenticio para os cativos de familias con dificultades socioeconómicas.

18 jun 2013

O protocolo da Xunta sobre acoso escolar é improvisado, burocrático e punitivo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, cualifica o denominado Protocolo Xeral de Prevención, Detección e Tratamento do Acoso Escolar e Ciberacoso, enviado onte acompañado dunha circular de instrucións aos centros públicos de ensino non é máis ca “unha medida improvisada da Consellaría da Educación ante as reiteradas denuncias existentes”. AGE vén manifestando a súa preocupación crítica polo aumento de casos e denuncias de acoso e violencia escolar.

Pero a solución ofrecida pola Xunta con este documento (pode consultarse completo nesta ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/9678) presenta numerosos puntos escuros. O primeiro, explica o parlamentario Ramón Vázquez, refírese á súa elaboración de costas á comunidade educativa. “Non contaron cos observatorios da convivencia escolar, nin co galego, nin cos provinciais nin cos das escolas”, expón, “e tampouco con asociacións e colectivos dedicados ao asunto”. Ademais, os datos sobre os que se alicerzan as medidas de Educación baséanse en informes de ámbito estatal e datados no ano 1999.
“Todas as accións recollidas neste protocolo teñen a ver con cubrir fichas, é burocrático e punitivo, e non propón ningunha intervención”, critica Vázquez, “e despreza o papel dos orientadores dos centro públicos de ensino. Para poñerlle o ramo, fala de ‘medidas reeducadoras’, un concepto superado hai anos en pedagoxía”. Alternativa Galega de Esquerda presentará iniciativas para instar a que o Goberno do señor Núñez Feijóo elabore estudos precisos sobre o acoso e a violencia escolar e a partir dese diagnóstico real realice intervencións efectivas para eliminar o andazo.

4 jun 2013

O PP está a asfixiar a educación no rural coas súas ‘políticas de volta atrás’

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) insiste na necesidade de loitar contra a actual situación de abandono que está a sufrir o rural no noso país establecendo un plan con actuacións transversais nos que a mellora da política educativa constitúe un das claves. Os deputados Xabier Ron, Ramón Vázquez e Antón Sánchez reuníronse esta mañá con representantes da Mesa Galega de Educación no rural para tratar a situación de asfixia que se está a vivir no rural a causa das políticas de volta atrás impulsadas polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez.
O PP está a asfixiar a educación no rural coas súas 'políticas de volta atrás'  
Os deputados de AGE e os membros da Mesa coincidiron en sinalar como urxente a posta en marcha de iniciativas orientadas a loitar contra a situación de abandono que está a provocar a actual política do Partido Popular no goberno galego coa que está a provocar o desmantelamento do medio rural no seu conxunto. Por iso, desde Alternativa Galega de Esquerda se insiste na necesidade de elaborar un plan de fomento do rural desde unha perspectiva transversal onde se integren accións de fomento da economía, infraestruturas, servizos, educación…

2 may 2013

AGE denuncia o deplorable estado de dous colexios do Salnes a causa dainacción da Xunta

Alternativa Galega de Esquerda denuncia o lamentable estado de conservación ao que a Xunta de Galicia ten condeados a dous centros escolares da provincia de Pontevedra, CEIP Rosalía de Castro (O Grove) e CEIP O Cruceiro (Vilalonga- Sanxenxo). Os deputados, Xabier Ron e Ramón Vázquez, visitaron hoxe ambos colexios onde puideron comprobar de primeira man acompañados polas directivas e representantes da ANPA as importantes deficiencias existentes en ambos centros causadas polo continuado incumprimento das promesas por parte do goberno galego.

Un sinxelo paseo polo primeiro dos centros visitados, CEIP Rosalía de Castro no Grove, é máis que suficiente para decatarse do deterioro das instalacións con paredes desconchadas, cuartos de baño vergoñentos, buratos no chan, portas que abren para dentro incumprindo a normativa de seguridade nos centros, e goteiras no pavillón de deportes que impiden o seu uso na maior parte dos días de choiva. Trátase dun centro onde a Consellería de Educación aprobara un plan de obras en tres fases. A primeira e segunda incluía o arranxo dos problemas no interior das instalacións, unhas obras que comezaron pero non remataron deixando por exemplo os cuarto de baño sen tocar e nun estado lamentable. A terceira fase centrábase no pavillón algo que xa a Consellería de Educación informou ao centro que non se vai executar por falta de cartos o que impide o uso do mesmo xa que tal e como informou a propia directiva os días de choiva é imposible realizar calquera tipo de actividade pola acumulación de auga no chan e outros días, o profesor vese obrigado a pasar a fregona antes de iniciar as clases.