
A área de Mocidade de Anova rexeita as recentes declaracións do Secretario Xeral de Novas Xeracións sobre Xosé Manuel Beiras.
Parécenos infame e, por outra parte, inútil a campaña de desprestixio que o PP está a lanzar contra Xosé Manuel Beiras a través de NNXX, tratando así de diluír o escándalo das relacións do Presidente Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado.
A mocidade galega consciente non tolerará máis mentiras e cortinas de fume sobre o desgoberno da Xunta de Galiza.
A rolda de prensa de Javier Dorado amosa dúas cousas: unha, que o PP non entende o que está a suceder no noso País e no mundo, outra, afán de protagonismo político a costa dun xesto de dignidade de Xosé Manuel Beiras, comprendido e apoiado pola xente do común da Galiza.
O voceiro nacional de Anova ten unha exemplar traxectoria como mestre, e así é valorado polo estudantado, como demostra a ampla audiencia que suscita nos eidos universitarios, como nas recentes charlas na Universidade da Coruña e na de Santiago de Compostela, ateigadas de mozos e mozas. O profesor Beiras non ten que demostrar - moito menos ao Presidente de NNXX - a súa solvencia intelectual e a contribución fundamental que fixo e fai ao pensamento económico galego e ao pensamento político da esquerda.