27 ago 2013

A REALIDADE DA AUSTERIDADE NA XESTIÓN DO PP NO CONCELLO DE CAMBADOS

ANOVA quere facer publica a forma de xestionar os fondos públicos polo goberno do PP de Cambados que esta moi lonxe da austeridade.
 
O Goberno do PP a través de varios medios de Comunicación, e ata dende a propia web municipal, ven manifestando que os orzamentos son redactados tendo en conta e adaptándose a realidade económica que estamos a vivir, chegando a sinalar cos orzamentos están marcados pola política de austeridade, ademais de pedirnos un esforzo a cidadanía coa subida das distintas taxas e impostos que sufrimos tódolos veciños de Cambados, nesta época na que toca apertar o cinto.
 
Pero dende Anova Cambados, queremos facer publico a forma de xestionar os fondos públicos do Concello por parte do Goberno do PP, e coma estes fondos que son recadados grazas o esforzo de tódolos veciños para pagar o seus impostos, son utilizados por parte do Goberno do PP, para manexalos o seu antollo, e ata a chegar a asumir débedas de terceiros nas que non se percibe nada a cambio, polo que nada ten que ver a forma de xestionar os recursos municipais coa Austeridade que tanto presumen.
 

Como se pode observar no Informe da Interventora Municipal do pasado 18 de outubro de 2012, na imaxe adxunta, o Concello de Cambados, a través do Alcalde do PP, Luis Aragunde, asumiu a débeda de Estación Náutica Rías Baixas, por importe de 6.326,66 €, débeda que mantiña este organismo coa Asociación de Estacións Náuticas de España, e que grazas a xestión do Goberno do PP, pasámola a asumir tódolos veciños de Cambados, pero como expón a interventora municipal, tratase dunha asunción de débedas mediante un contrato irregular, e entre outros motivos polo que se informou a alcaldía coma irregular e que debería darlle vergoña os dirixentes do PP de Cambados, e que se está a asumir unha débeda dun terceiro, según palabras textuais da Interventora Municipal, na que se “…asume unha obriga sen contraprestación (non percibe nada a cambio), é dicir non é oneroso, dado que nin a Asociación de Estaciones Náuticas de España nin a Estación Náutica Rías Baixas asume ningunha obriga nin contraprestación…”, chegando a expoñer a Interventora Municipal no seu Informe, “…Desde outra perspectiva, e ao estar asumíndose unha débeda dun terceiro sen xustificar o motivo, estase producindo unha obriga unilateral cun terceiro sen ningún tipo de xustificación, co cal esta claro que estamos na asunción dunha obriga económica sen xustificación de ningún tipo. Esa saída de fondos que implica a obriga económica asumida non ten xustificación nin motivación e como non pode ser unha subvención, dado que non se cumpre os requisitos da lexislación de subvencións, estamos realmente nunha entrega de fondos, a través dun contrato de asunción de débedas de forma unilateral por un terceiro, que vai contra os principios esenciais da asunción dos gastos dos entes públicos” e afirmando con rotundidade o final do informe, “Os Concellos non poden asumir débedas dun terceiro, e menos de entidades privadas”.
 
Esta e a forma de aplicar a Austeridade por parte do Goberno do Partido Popular?
Como pode asumir mediante un contrato unha obriga sen existir ningún tipo de contraprestación?
Por que temos que asumir unha débeda tódolos veciños de Cambados dun terceiro sen percibir nada a cambio?
Por que asina un contrato asumindo esta débeda o noso Alcalde en representación de tódolos veciños de Cambados, se non existe contraprestación algunha?
Estaría disposto a facerse cargo el persoalmente co seu patrimonio persoal da débeda xa que os veciños non vamos a percibir nada por esta obriga?

Dende Anova Cambados consideramos que esta forma de actuar por parte do goberno do PP en Cambados esta moi lonxe da Austeridade que tanto presumen e que según estes documentos queda claro que non se aplica, polo que nos vemos na obriga ante esta forma de actuar de facer públicos no noso Blog, nos enlaces o final da entrada, o contido integro da Conta Xeral dos Orzamentos do Exercicio 2012, que vai ser tramitada para a súa aprobación no próximo pleno do vindeiro Xoves 29 de Agosto, e que tódolos veciños teñen dereito a consultalas, e poderán ver tódolos informes da Interventora Municipal polas distintas irregularidades que se están a cometer por parte do Goberno do PP de Cambados, e que ocupan mais de 200 paxinas.
 
Para o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista de Cambados non se pode seguir ignorando estas irregularidades, entendemos que xa está ben desta situación.  Estamos nun momento en que os cidadáns están cansos de ver todos os días situacións de corrupción na política, de tratos de favor e como se manteñen determinados privilexios, polo que entendemos que o PP non pode seguir a actuar así en Cambados. Non nos poden esixir esforzos a cidadanía aumentando ano tras ano a carga impositiva, a pesares da situación que estamos a sufrir e con moitos veciños do Concello de Cambados en situación de Desemprego e sen apenas recursos, mentres eles utilizan eses fondos para asumir obrigas de pago na que os veciños non temos ningún tipo de contraprestación nin percibimos nada a cambio, simplemente por que os nosos dirixentes queren asumir unha débeda dun terceiro. Non se pode esixir un esforzo a cidadanía nestes momentos por parte do Goberno de Cambados do PP mentres están actuando desta maneira cos fondos públicos, polo que consideramos que esta forma de actuar os esta a desacreditar en futuras subidas de impostos, como farán dentro duns meses coa subida teórica do IPC.  

Preme na Imaxe para acceder os Reparos de Intervención e a Conta Xeral do Concello de Cambados do Exercicio 2012.
  

 

13 ago 2013

O INFORME DE INTERVENCIÓN E TESOURERIA DO EXERCICIO 2012 EVIDENCIA A NEFASTA E IRREGULAR XESTIÓN DO POLIGONO INDUSTRIAL DO CONCELLO DE CAMBADOS

Dende ANOVA I.N. de Cambados, queremos facer publica a nefasta xestión por parte do actual e anteriores gobernos do PP de Cambados nunha vital infraestrutura para a economía de Cambados, O Poligono Industrial Sete Pias.

A exposición pública da Conta Xeral do Concello de Cambados correspondente a 2012 pon en evidencia, e ratifica por escrito, a través do Informe de Intervención e Tesourería, emitido pola interventora municipal, unha situación que evidencia a mala xestión dende fai anos por parte do actual e anteriores Gobernos do PP en Cambados, A INACCION E IRREGULAR XESTIÓN QUE DENDE FAI MOITOS ANOS VEN FACENDO O PARTIDO POPULAR EN CAMBADOS NUNHA DAS PRINCIPAIS INFRAESTRUCTURAS ECONOMICAS DO NOSO CONCELLO, situación que se acentuou na época de Cores Touris como alcalde e que se segue a manter na actulidade con Luis Aragunde.

Sempre se dixo que o PP utilizaba o Concello como o seu couto particular, sen respectar os principios de igualdade e transparencia, e en beneficio dos intereses do partido e dos seus dirixentes. Que había contratacións irregulares,favores, … sempre se dixo pero poucas veces quedou tan claramente reflexada está situación en documentos oficiais como no Informe de Intervención e Tesourería, emitido pola interventora municipal Concello de Cambados correspondentes ao exercicio 2012.

Neste informe, aparece claramente reflexado por parte da Interventora Municipal, como no alleamento das parcelas do polígono industrial, nos exercicios 2001 e 2002 aparece un saldo pendente de abono por parte de compradores dalgunhas desas parcelas por importe de 114.369,89 €, terreos que foron expropiados no seu momento a veciños do Concello, e que agora os compradores deses terreos non abonaron ao Concello, supoñendo unha gran perdida de ingresos as arcas municipais.

Pero o mais grave de todo, a pesar de contar o Concello de Cambados con un Asesor Xurídico dentro do persoal do concello, e do alto custe que supón para tódolos veciños de Cambados, como denuncia a Interventora Municipal, “O que non pode continuar é a inacción deste Concello, sobre todo porque os referidos dereitos continúan pendentes de ingreso á Facenda municipal, debendo realizarse as actuacións necesarias para o seu cobro, mediante o exercicio, no seu caso, das correspondentes accións civís, dada a natureza privada do ingreso. Vólvese a reiterar asemade, que o feito de que ditas cantidades continúen pendentes de cobro esta a provocar un menoscabo ós caudais municipais, coa conseguinte responsabilidade por tal situación.”

Non se pode permitir que continúe esta inacción por parte do Goberno Municipal do PP de Cambados, que antes de reclamar uns cartos, e seguramente ter que denunciar este impago, prefire ano tras ano, deixar correr o tempo sen reclamar unha débeda de tal importe, por que se non se actúa dita débeda podería chegar a quedar prescrita e non se podería reclamar nos tribunais, estarían dispostos os membros do Goberno do PP a facer fronte a súa responsabilidade nesa débeda, e afrontar o pago da mesma se non se pode reclamar nos tribunais se esta queda prescrita? Actuarían desta maneira se lle deberan a eles os cartos e non a tódolos veciños de Cambados? Esta e a forma de Xestionar os recursos de tódolos veciños de Cambados que tanto presumen dende o Goberno do PP?

Pero apesares do que acabamos de expoñer, isto non é a única situación irregular no Polígono Industrial por parte do Goberno do PP de Cambados, xa que existen mais formas de actuar que poñen de manifesto a nefasta Xestión do PP de Cambados dos  recursos públicos, en relación a Nave Loxística propiedade do Concello de Cambados e que foi destinada a aluguer durante estes anos.

Como se pode comprobar no Informe de Intervención e Tesourería, emitido pola interventora municipal Concello de Cambados correspondentes ao exercicio 2012, esta nave propiedade do Concello de Cambados, atopase adxudicada en aluguer a varias empresas, dende fai varios exercicios, pero que a pesares de que nas adxudicacións dos contratos de aluguer, establece que as tarifas aboaranse por mensualidades anticipadas, atopámonos con que as empresas que están ocupando esta nave, non están facendo fronte as cantidades pactadas dende fai anos, así podemos ver según especifica a Interventora, que a débeda das adxudicatarias figuran, "Centro de Produción Vicar, S.L' cuxa débeda ascende a 23.614,88 €, a empresa Forvi S.C.G que adebeda 21.371,44 € e Transportes Nuñez Sayar, S.L cuxa débeda ascende a 12.040,00 €. Ademais de atoparnos coa débeda de "Aspir Center Galicia S.L", esta empresa formulou a súa renuncia ó espazo mediante escrito de data 21/09/2011. Sen embargo, deixou pendente de aboar mensualidades por un importe total de 13.373,11 €, e que a data da formulación do informe non se formalizou ningún tipo de reclamación por parte do concello a estas empresas, a pesares de dispoñer dun asesor xurídico dentro da relación do persoal municipal, e de provocar quebrantos económicos para a facenda municipal, tal é a inacción na xestión do Goberno do PP neste asunto, que nin se reclama o aluguer dunha empresa que formulou a súa renuncia ao espazo no exercicio 2011, e que apesares de deber 13.373,11 € a tódolos veciños de Cambados, e haber deixado de utilizar o espazo publico, o Goberno do PP parece que non esta interesado en reclamar ningunha cantidade a esta empresa, xa que neste últimos dous anos non se realizou ningún tipo de reclamación, chegando a esixir no seu informe, a Interventora Municipal, que se proceda a esixir a débeda por vía xudicial, reclamacións que o Goberno do PP de Cambados fai oídos xordos.

Pero o mais grave de todo, e que non ten ningún tipo de escusa por parte do Goberno Municipal do PP de Cambados, e como a unha empresa, que adebeda o Concello de Cambados a cantidade de 23.614,88 €, pola utilización do espazo publico da Nave Loxística Sete Pias, e que non se faga nada para reclamar esta débeda, se lle adxudique de forma irregular, como así manifestou a interventora Municipal no Informe de data 13/04/2012, o cal se pode ver na imaxe, se lle abona a factura 2012FACTU/133 por importe de 47.199,99 €, en concepto ventas para o Colexio Magariños, omitíndose o procedemento de contratación legalmente establecido, estando en presenza dun contrato verbal prohibida pola lexislación vixente, e sen constar nos expedientes de obra, nin o orzamento de obra (debidamente conformado polo técnico municipal), nin aprobación previa do gasto; ademais de que as facturas carecen da firma do técnico municipal, estando conformadas unicamente pola alcaldía, e polo capataz de obras.
 
Polo que estamos ante unha adxudicación irregular según se desprende do informe da interventora municipal, dunha obra por importe de 47.199,99 €, a unha empresa que adebeda o concello de Cambados 23.614,88 €, e que non se procede a reclamar esa débeda a pesares de provocar quebrantos económicos para a facenda municipal, agravios comparativos e incumprimento da legalidade aplicable, e que se manteña a inacción na reclamación da débeda ano tras ano, parece que en vez de recramar a debeda, estaselle a agasallar coa adxudicación dunha obra, e o que é mais grave de todo, de forma irregular...

CONCLUSIÓNS:

Que fai o PP de Cambados diante desta situación?, POÑER UNHA VENDA DIANTE DOS OLLOS, a pesar da reiteración de advertencias, segue ano tras ano cometendo as mesmas irregularidades.  Como van a competir o resto de empresas de Cambados ante este agravio comparativo, que pasaría se calquera de nos, por exemplo adebedara o recibo da auga ou do saneamento, ou o Imposto de Circulación, canto tempo tardaría o concello en embargarnos os bens, ou premiaríanos cunha adxudicación irregular?.  Esta situación só pode explicarse polo interese do Partido Popular de manter o status quo de determinados poderes fácticos de Cambados e os privilexios que lle outorgan a certas empresas do Concello que logo lles resultan moi útiles para a financiación das campañas electorais.
 
Para o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista de Cambados non se pode seguir ignorando estas irregularidades, entendemos que xa está ben desta situación.  Estamos nun momento en que os cidadáns están cansos de ver todos os días situacións de corrupción na política, de tratos de favor e como se manteñen determinados privilexios, polo que entendemos que o PP non pode seguir a actuar así en Cambados.
 
Dende ANOVA estamos analizando polo miúdo estes reparos e continuaremos a denunciar as situacións irregulares e a publicalas para coñecemento de todos os veciños de Cambados.  Tamén trasladaremos está situación ao Parlamento Galego, a través dos Deputados de Alternativa Galega de Esquerda, para que interpelen ao Vicepresidente da Xunta de Galicia, e secretario en excedencia do Concello de Cambados, sobre si avala está xestión irregular e se ese é o modelo que pretende implantar nos demais Concellos o Partido Popular.