Mostrando entradas con la etiqueta Cuca Beiras age. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cuca Beiras age. Mostrar todas las entradas

27 may 2013

AGE solicita ao Parlamento o informe do delegado do Goberno sobre a represión ás traballadoras de Cuca

  Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, solicitou o informe que o delegado do Goberno se comprometeu a remitir ao Parlamento sobre a brutal represión da Policía Nacional ás traballadoras de conservas Cuca, en Vilaxoán. “Non é de recibo tal brutalidade”, denuncia de novo Fajardo. Os sucesos ocorreron o mes pasado, cando axentes denominados antidisturbios ocuparon o casco urbano de Vilaxoán á altas horas da noite para escoltar o empresario de Cuca, quen desmantelou a maquinaria da factoría malia se atopar o conflito baixo proceso xudicial. O portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, e máis o parlamentario Fajardo entrevistáronse daquela con Samuel Juárez, delegado do Goberno. Este prometeu remitir un informe sobre o sucedido ao Parlamento de Galicia. Ese é o documento que AGE agora reclama.

16 abr 2013

A policía realiza “un escrache franquista” ás traballadoras de Conservas Cuca

Os encargados de facer cumprir en Galicia os mandados da troika levan sempre boa protección. E así, as denominadas forzas antidisturbios serven para protexer o empresario e o explotador e atacar as traballadoras e traballadores. Iso foi o que pasou a pasada semana en Vilaxoán, cando un despregamento policial de formas autoritarias e absolutamente desproporcionado ocupou a vila aurousá co único obxectivo de que os propietarios de Conservas Cuca baleirase, contra a vontade das operarias, a maquinaria da factoría. “Iso si que foi un escrache, pero un escrache franquista”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Juan Fajardo, “que nos retrotrae á época da ditadura”.

A policía que amparou as prácticas liquidacionistas do empresario valeuse de todo tipo de tácticas. Inhibidores de frecuencia para que as catro mulleres que defendían, á unha da mañá, as portas da fábrica non puidesen avisar os veciños, rúas cortadas polos axentes policiais e mesmo prohibición aos habitantes de Vilaxoán de saír das súas casas. “Con nocturnidade e contra operarias, esta policía é máis propia dun estado totalitario que dunha presunta democracia”, critica Fajardo, “converteron o lugar nun auténtico estado de sitio, o que para AGE resulta intolerábel”.

Alternativa, xunto ao BNG, solicitou a comparecencia urxente no Parlamento do vicepresidente da Xunta e encargado das políticas de Interior Alfonso Rueda, para que dea explicacións sobre os sucesos. Ademais, o parlamentario Juan Fajardo preguntará en pleno se o Goberno galego “considera digno auxiliar con maneiras antidemocráticas e un auténtico estado de excepción a quen pretende rematar cun cento de empregos en Cuca mediante extorsión empresarial”. Ademais, AGE pedirá unha entrevista co delegado do Goberno, Samuel Juárez, e mais co fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), para presentar formalmente unha denuncia.