20 dic 2013

O CONCELLO DE CAMBADOS APROBA UNHA MODIFICACION DO REGULAMENTO DOS FICHEIROS DE DATOS DE CARACTER PERSOAL, SEN INSCRIBIR O ANTERIOR REGULAMENTO NA AGPD COMO ESTABLECE A LEXISLACION

No último pleno do 19/12/2013, foi aprobada por unanimidade a modificación do regulamento dos Ficheiros de Datos de Carácter Persoal do Concello de Cambados, publicado no BOP do 11/04/2013, pero que a dia de hoxe, oito meses despois de ser publicado no BOP, inda non foi inscrito no Rexistro da AGPD como establece a lexislación vixente.

Dende ANOVA I.N. de Cambados, queremos mostrar como dende o Concello de Cambados, a pesar de contar con varios asesores a cargo das cada vez mais reducidas arcas publicas, non se están a levar a cabo unha correcta xestión en materia de protección de datos, que si se lles esixe ao resto de veciños dende as distintas administracións. Neste caso, temos un claro exemplo no proceder coa implantación do Regulamento dos Ficheiros de Datos de Carácter Persoal, que foi publicado no BOP do pasado 11/04/2013, e que foi aprobada a súa modificación por unanimidade no pasado pleno, pero o que mais nos chama a atención é como a pesares de aprobarse agora a modificación deste regulamento, e ser publicado hai mais de oito meses, o Concello de Cambados, volve a saltarse a lexislación vixente nesta materia, e a día de hoxe non constan inscritos a súa notificación na Axencia Española de Protección de Datos polo Responsable dos ficheiros, o Alcalde Luís Aragunde, como establece o art. 55.1 do RDL 1720/2007 do Regulamento da L.O.P.D. e o Art. 39.2 da lei 15/1999 de Protección de datos de Carácter Persoal.


Como podemos comprobar no Regulamento de Ficheiros de Datos de Carácter Persoal do Concello de Cambados, publicado no pasado BOP do 11/04/2013, o concello de Cambados aprobou a a creación de seis novos ficheiros dos xa existentes anteriormente:
                                        
1.—Rexistro de entrada e saída de documentos do Concello.
2.—Rexistro de entrada e saída de documentos da policía local.
3.—Policía administrativa.
4.—Seguridade cidadá.
5.—Multas.
6.—Videovixilancia da Casa do Concello. 


Pois segundo podemos comprobar na Paxina web da Axencia Española de Protección de Datos de Carácter Persoal (AGPD), o Concello de Cambados so ten inscrito un destes ficheiros, o de videovixilancia, e polo tanto segue sen cumprir a lexislación vixente nesta materia, ao non ter inscrito o resto de ficheiros de carácter persoal, como si o fixeron a maioría dos concellos, e que si se poden consultar na propia web da AGPD. Polo que dende ANOVA non entendemos como non se realiza por parte do Concello de Cambados tódolos tramites precisos nesta materia, e como despois de 8 meses non se remite a inscrición do Ficheiro a AGPD, e polo tanto cumprir a lexislación vixente que si se lles esixe en troques o resto de veciños de Cambados. 

O mais grave de todo é que se tratan de ficheiros que no propio BOP son clasificados de nivel medio, e que polo tanto teñen que ter un maior grado de seguridade, e que en todos eles o Responsable do Ficheiro é o propio Alcalde do Concello de Cambados, e polo tanto, quen debe ser o encargado de remitir a inscricións destes ficheiros a Axencia Española de Protección de Datos, e que a dia de hoxe inda non consta, e que polo tanto debido a quedarse durmido nas súas funcións, a pesares de contar con varios Asesores, o Concello de Cambados non cumpre a lexislación vixente nesta materia, polo que non ten sentido modificar este regulamento cando este inda non cumpre a lexislación, oito meses despois da súa creación.

A continuación deixámosvos os vídeos do Pleno do Concello de Cambados celebrado o pasado 19/12/2013

18 dic 2013

O CONCELLO DE CAMBADOS SOLICITOU PERMISO PARA TALAR ÁRBORES EN QUINTÁNS O MESMO DÍA QUE ANOVA DENUNCIOU AS OBRAS

Medio Ambiente abre expediente ao Concello de Cambados pola tala das árbores en Zona de Protección Especial e a actuación tampouco se axusta á Ordenanza urbanística reguladora desa zona.



ANOVA quere volver insistir en demandar do Alcalde e do equipo de goberno do Concello de Cambados explicacións polo miúdo sobre a obra que operarios municipais están a levar a cabo no lugar de Quintáns, en Castrelo, consistente no ancheamento dun camiño que dá acceso a varias fincas da zona, así como a vivenda - museo do escultor Manolo Paz. Na mencionada obra están a levarse a cabo movementos e compactación de terras así como talas de árbores.

Logo de que a semana pasa pasada o propio Alcalde nos contestara en prensa dicindo que "todo estaba en regra" e que nos remitiría a documentación correspondente, a día de hoxe seguimos á espera da mesma. 

Onde si puidemos comprobar documentación foi na Delegación de Medio Ambiente en Pontevedra, e comprobamos como o Concello de Cambados solicitou permiso para asfaltar un camiño, e como Medio Ambiente non aceptou o asfaltado e concedeu permiso unicamente para facelo con xabre.  

Pero o máis curioso é comprobar como o mesmo día no que a Agrupación deANOVA en Cambados pide explicacións públicas polas obras e presenta os escritosno Concello e perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de  Medio Ambiente, advertindo das obras e da tala de árbores, o Concello de Cambados solicita por escrito a tala das árbores, CANDO XA ESTABAN CORTADAS.

Ese é o xeito de actuar dun Concello?  A institución que debe velar pola legalidade urbanística, que lles esixe aos veciños permisos e documentación en regra, actúa coa política de xeitos consumados "primeiro cortamos as árbores e logo cando alguén denuncia, corremos a pedir o permiso".  Para máis detalles, o permiso solicitado é para a tala de 8 árbores (3 eucaliptos e 5 piñeiros) cando, pola contra,  en Medio Ambiente constan máis de 30 piñeiros cortados. Ademais de constar no informe a tala de eucaliptos e tamén carballos e salgueiros, que nunca contarían co permiso de Medio Ambiente para a súa tala, xa que son árbores autóctonas que ademais están nunha zona na se atopa unha masa Salgueiral moi escasa na Zona de Protección Medioambiental e polo tanto única, como así nolo trasladaron dende a delegación de Medio AmbienteEn ANOVA temos coñecemento da apertura dun expediente sancionador por parte de Medio Ambiente contra o Concello de Cambados por esta actuación.  

A maiores desta cuestión ambiental, hai que indicar tamén que esta actuación non estaría permitida tampouco pola propia Ordenanza Municipal en vigor do PXOM de Cambados que regula estes terreos, e que prohíbe expresamente nas zonas de arborado inmediatas á costa a tala de árbores (Ordenanza 12, apartado 4 de Conservación Protección de costas, praias e elementos costeiros).

É por todo isto polo que dende ANOVA - Cambados queremos volver esixir a paralización das obras mentres non se resolva o expediente sancionador e se aclare se esta actuación cumpre coa normativa urbanística en vigor e a legalidade vixente.

Finalmente, sobre as declaracións de Luís Aragunde de "se queremos apoiar ou non a Cultura", querémoslle dicir que nos parecen de moi baixo calado e que incluso a cultura ten que cumprir a legalidade.


Este alcalde e o PP debían ser os menos indicados para opinar sobre cultura cando non foron capaces nin de organizar nin de apoiar unha programación completa para celebrar o Centenario de Cabanillas, claro que igual a cultura e ideas de Cabanillas son máis molestas cás doutros artistas...




9 dic 2013

ANOVA ADVIRTE SOBRE AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DUN CAMIÑO NO LUGAR QUINTÁNS – CASTRELO, EN PLENA ZONA DE PROTECCIÓN ESPECIAL DA DESEMBOCADURA DO RÍO UMIA

Dende ANOVA sospeitase que o Concello novamente voltaría a actuar irregularmente, xa que que as obras non cumpren coa normativa e carecerían de todos os permisos correspondentes para a zona na que se están a realizar.

Dende a Agrupación Local de Anova Irmandade Nacionalista en Cambados queremos advertir sobre unhas obras que se están levando a cabo no Lugar de Quintáns, na parroquia de Castrelo, nas que se está a ampliar un camiño forestal en plena zona de protección especial medioambiental.

Segundo se pode comprobar nas fotos adxuntas, estase facendo unha obra de ampliación dun camiño mediante a tala e corta de árbores autóctonos e diversos movementos de terra…  A zona na que se está a actuar está clasificada como “zona de protección medioambiental especial”,  pola súa cercanía a desembocadura do río Umia. Tratase dunha zona incluída no Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos, e polo tanto, para realizar este tipo de infraestrutura viaria, o propio decreto establece e preciso a autorización expresa da Consellería de Medio Ambiente.

Ademais temos que falar novamente de complicidade do Goberno local de Cambados e do Partido Popular, feito que se comproba no cartel que se pode ver na foto que se achega no que se lles di aos propietarios dos térreos que queiran obter información se dirixan ao Concello, pero en troques non existe ningunha información da licitación da mesma, nin cartel anunciador como seria preceptivo,  nin do promotor, nin atopamos nos distintos diarios oficiais ningún expediente de licitación ou de expropiación aos propietarios.  Este escurantismo na forma de actuar e o que nos leva a pensar que estaría motivado porque son coñecedores de que as obras non contan cos permisos oportunos.

Dende Anova Cambados vamos presentar un escrito no Concello de Cambados así como na Consellería de Medio Ambiente, informando oficialmente das obras e solicitando, no caso do Concello, que informen sobre quen e promotor das obras, se conta con todos os permisos precisos ou non, e no caso de ser o propio Concello o que realiza a obra, cando, a quen e como se adxudicou a mesma.  Ademais solicitaremos que se proceda a súa paralización mentres non se aclaren todas estás cuestións e evitar que continúe o dano medioambiental que se está facendo nesa zona protexida, que xa é irreparábel.

Está claro que, esta forma de actuar non seria nova para o Concello de Cambados, xa que hai apenas unhas semanas, puidemos comprobar como facía caso omiso a lexislación vixente nesta materia para realizar unha obra na mesma Zona protexida, e sen contar co permiso previo da Consellería de Medio Ambiente.

Dende ANOVA Cambados gustaríanos que o alcalde respostase sobre cal e o obxectivo final desta obra, dubidamos, si esta infraestrutura busca o beneficio común, ou se fai só para beneficiar unicamente o acceso da fundación – vivenda que un famoso escultor cambadés ten na zona, xa que estas obras rematan xusto na súa propiedade. 

Dende Anova entendemos que é preciso prestar apoio aos artistas e as iniciativas culturais en Cambados, pero, iso sí, CUMPRINDO A LEI.  Non debemos esquecer que o noso legado medioambiental, é moito mais importante, e tamén forma parte da nosa cultura, polo que consideramos, que, non se debe beneficiar os intereses dun veciño, a conta de destruír un paraxe medioambiental que conta cunha especial protección debido a súa importancia.