29 abr 2013

Empresa da familia de Louzán gaña medio millón da Deputación

Os seus camións están nunha finca de Ribadumia na que cea a miúdo a cúpula do PP, incuído Rajoy. A construtora logra tantas contratas que varias veces a Deputación de Pontevedra admitiu no BOP que non lle podía alugar máis camións porque xa os tiña todos traballando para a propia Deputación. "Todo está legal".

Áridos de Curro S.L. (Aricur) recibiu da Deputación de Pontevedra máis de 502.000 euros nos últimos seis anos. O administrador único da empresa, segundo se pode comprobar no Rexistro Mercantil, é Juan Luís Abal Piñeiro, primo segundo do presidente da Deputación, Rafel Louzán Abal (PP).

Aricur gañou 15 adxudicacións neste tempo, varias delas mediante concursos sen publicidade ou a través da prolongación das contratas. As adxudicacións a Aricur son tan constantes que polo menos dúas veces a Deputación tivo que admitir no seu propio Boletín (BOP) que non lle adxudicaba máis contratos á constructora porque Aricur xa lle alugara todos os seus camións á propia Deputación.


Versión da Deputación

Consultada a Deputación sobre estes feitos, fontes oficiais explicaron que "todo o relacionado con Áridos de Curro está legal". As mesmas fontes admiten que hai unha relación "familiar" entre Louzán e a empresa, relación que cualifican, iso si, de "moi, moi lonxana".

Ademais insisten en que Áridos de Curro xa traballaba para a Deputación antes de que Rafael Louzán fose presidente. Os voceiros oficiais defenden a legalidade dos procedementos nesa administración até o punto de invitar a todos os medios a consultar calquera expediente.

Beiras cre que o "rebentón social" se producirá antes do remate da lexislatura

O voceiro de Anova vaticina que o rebentón social non permitirá rematar a lexislatura galega nin a estatal.
Sobre vindeiros procesos electorais, avogou por "unha fronte ampla popular" para derrotar ao PP, "ventrílocuos do gran poder do capital bancario".
En declaracións á Cadena Ser, Xosé Manuel Beiras augurou que haberá un rebentón social nesta lexislatura.
Preguntado sobre as peticións de desculpas ou da súa dimisión por parte do PP, Beiras sinalou que "quen deben dimitir son eles". "Por cousas moito máis pequenas se dimite en Europa e aquí, o que teñen que hacer é aclarar absolutamente as cousas, pois este señor (Feijóo) está desprezando absolutamente á cidadanía".

En canto a vindeiros comicios, Beiras sinalou que cómpre replantexar a fórmula exitosa de AGE de xeito aberto para que se poida "ampliar o espectro". "Mentras dure a lexislatura, aí estaremos" - sinalou -, e "se o facemos ben" como se está a facer, alimentará a configuración dunha "fronte ampla popular" que permitirá derrotar ao PP "aínda que reduza os deputados a 61".
Sobre isto, Beiras acusou ao PP de fabricar unha "cortina de fume" coa proposta de reducción de escanos na Cámara galega para esquivar a crise política aberta polas fotos de Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado.


26 abr 2013

As empresas de Marcial Dorado recibiron 157.000 euros dos gobernos deFraga

Ás cinco e media da tarde dun venres, en plena treboada posterior ao anuncio dos novos recortes aprobados no Consello de Ministros e dúas horas antes do Comité Nacional do PSdeG. Este foi o escenario elixido polo Goberno galego para remitirlles aos medios de comunicación unha relación de contratos e axudas formalizados coas empresas do narcotraficante Marcial Dorado "nos últimos vinte anos" ou, o que é o mesmo, a resposta á pregunta formulada no Parlamento por AGE, a mesma que, segundo Alberto Núñez Feijóo, "non merecía" a coalición que encabezan Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz. Nun comunicado de cinco páxinas no que o Executivo centra os seus esforzos en insistir en que "a maior axuda pública" que recibiron estas empresas foi do bipartito é posible concluír que os gobernos de Manuel Fraga lles achegaron máis de 157.000 euros.

Á marxe do contido político do documento publicado pola Xunta, no que se salienta, por exemplo, que "as lexislaturas nas que menos diñeiro recibiron" estas compañías "foron as tres nas que Alberto Núñez Feijóo formou parte do Consello da Xunta", o comunicado do Goberno permite coñecer, por exemplo, que en 1995, ano no que están datadas as fotografías publicadas por El País do actual presidente no iate de Dorado, unha das súas empresas, Mitulo, recibiu 28.297,37 euros para a "construción dun barco auxiliar" para a Consellería de Pesca. No mesmo exercicio económico, ademais, recibiu dúas axudas á contratación dende a Consellería de Familia, Muller e Xuventude por importe de 3.667,81 euros, para a empresa Xatevín, e 7.335,62, para Efectos Navales Arousa. Nesa lexislatura (1993-1997) os pagamentos chegan a un total de 96.709,39 euros.

25 abr 2013

O Sergas privatiza a atención a través da limitación das listas de espera.

As vías que escolle o Partido Popular para reducir o público son diversas. O anteproxecto de lei de garantías sanitarias contén unha das máis disimuladas: a través da limitación das listas de espera nos hospitais públicos a sesenta días, aumentará o desvío de pacientes a centros privados. Así o denunciou no pleno do Parlamento de Galicia a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Eva Solla: “Cos seus recortes, vostedes saben que será imposíbel cumprir cos sesenta días e así os pacientes serán desviados á privada. Por certo, con listas de espera aínda maiores. Vostedes xogan coa saúde para beneficiar a catro empresarios”.

Solla esixiu, ademais, que o Sergas publique trimestralmente as denominadas listas de espera non estruturais. “Esta estatística foi creada pola consellaría en 2005 para manipular os datos da sanidade pública”, asegurou, “porque nese departamento son especialistas en ocultar información”. A parlamentaria de AGE solicitou de Sanidade as listas de espera non estruturais e recibiu por resposta un escrito de dúas liñas cunha ligazón que a remitía ás listas estruturais. “Os datos son nesgados e vostedes saben que hai xente que que agarda durante anos”, apuntou Eva Solla, quen lembrou como Alberto Núñez Feijóo, en 2007, alcumaba esas listas de espera non estruturais de “burato negro”. “O PP practica o oportunismo político, di unha cousa na oposición e outra no goberno”, rematou a deputada de Alternativa, “e póñense do lado escuro do capital e non coa xente”.
 
 

24 abr 2013

Xosé Manuel Beiras acusa ao PP de ter “unha visión totalitaria do poder”

Xosé Manuel Beiras acusa ao PP de ter “unha visión totalitaria do poder” e de darlle a volta á democracia ao se negar a responder á oposición. “Nós solicitamos a dimisión do señor Núñez”, expón o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, “e veñen eles e queren controlar a oposición no canto de explicar o que se lles pregunta”
Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, acusa ao PP de ter “unha visión totalitaria do poder”. “Somos nós, a oposición, os que estamos solicitando explicacións do presidente da Xunta, somo nós os que solicitamos a súa dimisión pola súa falta de ética e asúa querenza pola mentira”, explica, “e veñen eles, a dereita, darlle a volta á democracia e a esixir a dimisión da oposición”. Non só iso, o señor Núñez volveu ofrecer un recital de silencios estrondosos sobre o que se lle preguntaba, detalles da súa amizade co contrabandista e narcotraficante Marcial Dorado.
Aínda se fixo, co seu grupo, a vítima cando Beiras se achegou ao seu escano para lle esixir “decencia”.

23 abr 2013

As deputacións son reaccionarias, caciquís, inútiles e contrarias árealidade nacional

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) opta pola supresión das deputacións provinciais. Así o expuxo esta mañá no pleno do Parlamento a viceportavoz Yolanda Díaz, quen se referiu ás institucións decomonónicas como “reaccionarias, inútiles, caciquís e contrarias á realidade nacional galega”. “A vontade do PP é centralizar do Estado e contra un artigo da Constitución, o 8, que xa naceu minguado”, explicou, pero é que o noso país é unha nación. Iso non lle gusta nin á troika nin ao PP, pero nós defendemos eliminar as institucións e potenciar comarcas e parroquias”. AGE sumouse á proposición de lei do Bloque para debater no Congreso a “racionalización das deputacións”. O PP votou en contra a forza de escusas peregrinas e da súa maioría absolutista.

“As formas caciquís, as formas clientelares, tamén son corrupción”, asegurou Díaz, “e se ben a Deputación de Ourense é o caso máis relevante de corrupción e caciquismo, non se trata en absoluto do único”. A viceportavoz de Alternativa defendeu a eliminación de entes políticos “alleos á nosa cultura política e á realidade do noso país” e denunciou que a elección indirecta dos 108 deputados provinciais é antideomcrática. Rematou chamando ao debate sobre a comarcalización de Galicia e a reformar a lei electoral en dirección a unha circunscrición única galega ou, polo menos, a reducir a sobrerrepresentación das provincias do interior.

20 abr 2013

CONVOCATORIA DE XUNTANZA GRUPO LOCAL DE ANOVA CAMBADOS - RIBADUMIA - MEIS.

LUNS, 22 DE ABRIL, AS 20.00 HORAS.
CENTRO SOCIO-CULTURAL DA MERCED (CAMBADOS).

Na anterior xuntanza do Grupo Local de ANOVA quedamos en establecer un calendario de Asambleas e COMO SEMPRE SON ABERTAS POLO QUE A PARTE DE ASISTIR PODEDES CONVIDAR A QUEN ESTIMEDES.

Entre os temas locais a tratar estarían a situación que están a pasar os mariscadores pola baixada de prezos e falta de producto, o tema da seguridade vial en Castrelo e a situación dos parques infantis das parroquias, a parte doutros que poidan surxir na xuntanza. Tamén informaremos do proceso da Asemblea Nacional de ANOVA, do calendario da mesma e dos documentos presentados.


ORDE DO DÍA QUE SE PROPÓN PARA A XUNTANZA

1.- Temas locais 
        -> Situación do marisqueo en Cambados (prezos e producto).
        -> Situación dos parques infantis das parroquias
        -> Nota de prensa sobre a seguridade vial en Castrelo.
        -> Seguridade vial en Vilariño derivada do transito de camións dos Polígonos Industriais.
        -> Outros
2.- Información sobre a actividade municipal en Ribadumia.
3.-  organización  ANOVA no Concello de Meis 
4.- Información da I Asemblea Nacional de ANOVA.
3.- Varios..




ANOVA – IN de Cambados denuncia a falta de mantemento das infraestruturas públicas nas parroquias de Cambados.


ANOVA pregúntanse onde foron a parar os case 300.000 € que recibiu o concello para a mellora dos parques infantís nas parroquias do concello.

Dende o Grupo local de ANOVA – Irmandade Nacionalista no Concello de Cambados queremos mostrar publicamente a nosa indignación pola situación na que se atopa o pequeno parque infantil ó carón do Lavadoiro do Campo da Vila, na parroquia de Oubiña, e que mostra unha situación de total abandono, invadido de maleza, e cos poucos xogos para nenos que dispón cheos de ferruxe e descoloridos polo paso do tempo de xeito que presentan un risco para a seguridade dos rapaces ó tempo que son insalubres.
 
 Ningún partido se decatou ou non apreciou isto como relevante e por exemplo a parlamentaria Monserrat Prado ou o Delegado Territorial de Pontevedra da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Cores Tourís, ámbolos dous orixinarios desta parroquia non se mobilizaron un ápice para a resolución deste problema.

Por parte do Grupo local de ANOVA – Irmandade Nacionalista no Concello de Cambados, presentouse ante o rexistro do concello, un escrito denunciando que esta situación, a par que de incumprir totalmente a normativa existente en materia de seguridade dos parques infantís (DECRETO 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís, publicado no DOGA do 09/05/2003), e un risco para a saúde polas consecuencias que pode supor no caso de que un neno que vaia a xogar alí se manque con algún dos xogos, coas responsabilidades patrimoniais e ata penais que tería que asumir o titular do parque, a parte de dar unha imaxe pésima.
 
Ademais cabe lembrar que no ano 2009, o concello de Cambados, foi beneficiario dunha axuda do Plan E, a cargo do Fondo Estatal de Inversión Local, para a mellora dos parques infantís das parroquias deste concello por 297.680,00 €, e que se fora invertido correctamente este tipo de axudas, este pequeno parque infantil, non se atoparía nesta situación. Ademais de que contamos cos alumnos da Escola Taller de Cambados, que podían arranxar e manter adecuadamente, este tipo de infraestruturas, cun custe moi reducido, e sen ter que subcontratar o servizo, nin facer inversións de gran volume. A apatía antes citada nos partidos e personalizada nos susoditos cargos, tamén se pousa no Concello de Cambados, que descoida sen lugar a dúbidas e como exemplifica o caso que nos ocupa o mantemento das instalación existentes, mentres fai esforzos económicos para poder levar a cabo outras grandes obras que requiren de moito máis financiamento e ós nosos ollos poderían retrasarse para cubrir outros gastos. Poñamos como exemplo o proxecto da praia artificial, so temos que comparar custos e beneficios, ese é o principio de racionalidade, aínda que parece que non chegou á Administración local cambadesa.          
 
 
 
 
 
 
 
 

16 abr 2013

A policía realiza “un escrache franquista” ás traballadoras de Conservas Cuca

Os encargados de facer cumprir en Galicia os mandados da troika levan sempre boa protección. E así, as denominadas forzas antidisturbios serven para protexer o empresario e o explotador e atacar as traballadoras e traballadores. Iso foi o que pasou a pasada semana en Vilaxoán, cando un despregamento policial de formas autoritarias e absolutamente desproporcionado ocupou a vila aurousá co único obxectivo de que os propietarios de Conservas Cuca baleirase, contra a vontade das operarias, a maquinaria da factoría. “Iso si que foi un escrache, pero un escrache franquista”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Juan Fajardo, “que nos retrotrae á época da ditadura”.

A policía que amparou as prácticas liquidacionistas do empresario valeuse de todo tipo de tácticas. Inhibidores de frecuencia para que as catro mulleres que defendían, á unha da mañá, as portas da fábrica non puidesen avisar os veciños, rúas cortadas polos axentes policiais e mesmo prohibición aos habitantes de Vilaxoán de saír das súas casas. “Con nocturnidade e contra operarias, esta policía é máis propia dun estado totalitario que dunha presunta democracia”, critica Fajardo, “converteron o lugar nun auténtico estado de sitio, o que para AGE resulta intolerábel”.

Alternativa, xunto ao BNG, solicitou a comparecencia urxente no Parlamento do vicepresidente da Xunta e encargado das políticas de Interior Alfonso Rueda, para que dea explicacións sobre os sucesos. Ademais, o parlamentario Juan Fajardo preguntará en pleno se o Goberno galego “considera digno auxiliar con maneiras antidemocráticas e un auténtico estado de excepción a quen pretende rematar cun cento de empregos en Cuca mediante extorsión empresarial”. Ademais, AGE pedirá unha entrevista co delegado do Goberno, Samuel Juárez, e mais co fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), para presentar formalmente unha denuncia.


12 abr 2013

NÚÑEZ FEIJOO e MARCIAL DORADO

ou…fai o que digo e non o que fago.

1993

Xa non era tan neno. Cantos anos tiña? Polas suas declaración parece que menos de cinco. Quen pode crer que no 1993 non soubese a que se adicaba Marcial Dorado?
Quen despois dunha ocasional coincidencia non se procura asesorar ao respecto?
Quen continúa durante anos indo de viaxe a Tenerife, Ibiza, Portugal e…Picos de Europa. Ou sería Andorra?


O señor Feijoo non se lembra. Nunca se preguntou a que se adicaba esta persoa. Non sabía tendo alto cargo en Sanidade que os cartos que precisaba o seu departamento eran sustraídos polo seu compañeiro de viaxes (bastante coñecido se temos en conta as múltiples coincidencias).
Era moi novo. Foi hai moito, moito tempo. Non lía a prensa que enchía páxinas co nome de Dorado.

Non o creo. As súas explicacións son insultantes. Segundo as enquisas os galegos non o cren. Tampouco a maioría dos votantes do seu partido.

Vostede deu leccións a Anxo Quintana porque apareceu cun empresario nun iate, solicitando destitución inmediata, ironizando “hubo contactos por mar y no sé si por tierra también”. No mesmo ton ético e xusticeiro seguía explicando que cesaría a calquera membro do seu goberno que tivese “amizades perigosas”.

Naquel momento xa existían as suas fotos, xa –segundo confesa- as mostrara ao sr. Fraga é obtida a absolución presidencial, morreu o conto. Nada de moralina neste caso, nada de dimisións, nada de nada. O pobo galego no Limbo; a enteirarse...cando cadre. Pasados cinco anos e pola prensa.

Canto aos dirixentes do seu partido en Cambados sería demais pedirlles que fixesen algo diferente ao que fan. Aplaudilo e premer o botón correspondente. Coma sempre.

Son firmante da petición de demisión feita pola Asociación Desperta, de Cambados, onde coñecemos ben os camiños que levaron do tabaco á droga e das súas dolorosas consecuencias.

Sr Feijoo, non o cremos. Por mentirán. Non pode dirixirnos un señor cos valores de Marx (Groucho).







 




INDIGNACIÓN de ANOVA – IN de Cambados polas explicacións de Feijoo sobre a súa relación con Marcial Dorado e o silencio cómplice do PP local.

Dende o Grupo local de ANOVA – Irmandade Nacionalista no Concello de Cambados queremos mostrar publicamente a nosa indignación polas continúas escusas e mentiras, que estes últimos días están a utilizar os dirixentes do PP para tentar explicar e xustificar o inexplicable e inxustificable; a relación de “ocio” que se demostrou ter entre o actual presidente da Xunta, Núñez Feijoo e Marcial Dorado, nos anos nos que Núñez Feijoo ocupaba un alto cargo na Xunta de Galicia, para máis INRI en Sanidade.
A terca realidade deixou en evidencia ao PP e a Núñez Feijoo, xa que ao final houbo máis anos de relación dos que inicialmente se recoñeceron, máis encontros dos que se falaron, moitos máis viaxes das que se dixeran, houbo contratos dos que non se lembra, pero polo contrario, non se esquecía de que había neve... Demasiada relación e demasiadas viaxes como para argumentar que só o coñecía “indirectamente”….   
A situación agrávase se temos en conta o contexto daqueles anos, cos Centros de Atención a Drogodependencias comezando a recibir unha marea de afectados, co VIH-SIDA en plena expansión, e coas nais e pais manifestándose nas rúas para denunciar os efectos que estaba a causar o narcotráfico. Nese contexto un alto cargo de sanidade non pode dicir que “tiña descoñecemento”….   
      
As súas intervencións sobre este tema no parlamento galego, principal institución de Galicia revelaron a baixa catadura moral e a falta total de ética que ten, demostrando como lle dixo X. M. Beiras, “que serían capaces de calquer cousa con tal de manterse no poder”.  
Pero dende o Grupo Local de ANOVA tamén temos que criticar a actitude que toman os dirixentes do PP de Cambados, perfectamente coñecedores das desgrazas que supuxo a lacra do narcotráfico na comarca (mortes por SIDA, persoas que a droga lles causou unha grave enfermidade mental, mortes arrepiantes por axustes de contas, …) e que, sen embargo, manteñen un silencio cómplice que lles impide apoiar incluso a iniciativa están a levar a cabo membros da asociación Desperta Cambados, para solicitar a dimisión de Alberto Núñez Feijoo.

 
Igual o que pasa e que tamén están afectados polo mesmo pecado orixinal que Feijoo e non conseguiron superalo aínda…; non debemos esquecer como naquela época o PP de Cambados agasallaba publicamente a outro narcotraficante condenado, Sito Miñanco.


Dende ANOVA – Cambados vista a traxectoria do PP de Cambados nestas lides, a falta de autocrítica interna, e o silencio que manteñen sobre Feijoo, lévanos a concluír que o acto desta semana, acudindo Luis Aragunde a inaugurar unha exposición organizada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico buscaba máis o silencio da Fundación, a través da colaboración na mesma a conta dos impostos de tódolos veciños, que a demostración de que o Concello de Cambados condena as relacións dos políticos co narcotráfico...  A demostración de que efectivamente a sociedade de Cambados está contra o narcotráfico non son as inauguracións do alcalde senón que son iniciativas cidadáns como a de DESPERTA que sen embargo non contan co apoio do PP, MÁIS BEN TODO O CONTRARIO.