30 sept 2013

O auto do xuíz Aláez proba que a estafa do “AVE galego” determinou as eivas de seguridade

Feijoo e Blanco inaugurando o que chamaban  AVE galego,
 denominación  que Feijoo negaría logo do accidente de Angrois.
O auto xudicial ditado o pasado 24 de setembro polo xuíz Aláez, que instrúe o accidente do tren de Angrois, vén reforzar as reiteradas denuncias públicas de Alternativa Galega de Esquerda (AGE): o cambiazo do denominado Ave galego, en realidade un tren de velocidade alta, determinou a insuficiencia e as eivas nos sistemas de seguridade. O documento xudicial imputa, contra o criterio da fiscalía, aos dirixentes de Adif. “Foron decisións en última instancia políticas”, denuncia a maiores o deputado de Alternativa Antón Sánchez, “as que deron en que non se implantase o sistema de freado máis avanzado, o ERMTS, si previsto no proxecto de 2009”. 

Para Sánchez, o carácter político da opción finalmente adoptada polos sucesivos Ministerios de Fomento –de PSOE e de PP- queda probado no diario de sesións do Congreso, que recolle a intervención do presidente de Adif o pasado 8 de agosto:
“Los responsables de ADIF en ese momento tomaron la decisión de realizar el montaje inicial de la vía entre Ourense y Santiago en ancho convencional para, con posterioridad, transformarla a ancho UIC. Asimismo, decidieron una simplificación del esquema de vías. En junio de 2010  hacen una propuesta de modificado y, finalmente, a propuesta del presidente de ADIF con la conformidad del secretario de Estado de Planificación e Infraestructuras, el ministro de Fomento autoriza la continuidad de las obras el 25 de abril de 2011”.

26 sept 2013

O CONCELLO DE CAMBADOS DESTINOU NO 2012 MÁIS DO DOBRE DE CARTOS EN BOLSAS DE ESTUDOS PARA FILLOS DE EMPREGADOS MUNICIPAIS QUE EN AXUDAS PARA FAMILIAS CON POUCOS RECURSOS

Mentres o gasto en becas e axudas en material escolar para familias con poucos recursos baixaba en case un 70% dende o 2010 (de 6.999 a 2.250 no 2012) a de bolsas de estudos para familiares de empregados subía de 3.774 a 4.549 .

Dende a Agrupación local de ANOVA Irmandade Nacionalista en Cambados xa levamos tempo denunciando a falta de sensibilidade que amosa o Goberno do PP de Cambados coas familias e veciños que peor o están pasando e sufrindo os efectos da crise económica.  Nesta ocasión queremos demostralo analizando as axudas municipais relativas a bolsas de estudos, becas e axudas para material escolar durante estes últimos anos.

No ultimo pleno puidemos escoitar presumir o Alcalde do PP de Cambados de ter uns orzamentos nos que se manteñenas partidas en asuntos sociais, cultura e deporte, cando a realidade é que logo podemos comprobar que ao final o gasto realizado nestes conceptos si variou e bastante nos últimos exercicios… Tamén presumiu de que se ía crear unha comisión para modificar a ordenanza das bolsas municipais, pero a pesar de que o curso escolar xa comezou, e de que a proposta é do mes de Agosto, aínda non se fixo nada neste senso.

En canto ao gasto realizado, si lles botamos un ollo ás gráficas que se achegan, podemos ver que a pesar de manter a mesma partida orzamentaria nos últimos tres exercicios de 7.000,00 € (PartidaOrzamentaria 323.481.00), en troques, o gasto real cae ano tras ano, chegando, no exercicio pasado, a gastar soamente un 32,14 % da partida orzamentaria de bolsas públicas de estudo (2.250 €).  Esto significa que dende o ano 2010 reduciuse o investimento por este concepto en case un 70%, pasando de 6.999 € a 2.250 €. Xusto cando máis afecta a crise económica e cando máis axuda se precisa o Concello reduce esta partida.

Sen embargo, podemos comprobar como a partida orzamentaria para bolsas de estudos aos fillos de empregados municipais (Partida Orzamentaria 221.162.04), dispuxo nos últimos tres exercicios dunha cantidade orzamentaria de 3.500,00 €, pero tivo un gasto real no 2012 de  4.549,00 €, 1049€ por  riba do orzamentado e máis do dobre dos 2.250,00 € que se destinaron a bolsas públicas.

Este tipo de axudas ao estudo para os fillos de empregados municipais teñen a súa orixe no Convenio Colectivo do Concello de Cambados, no cal se especifica que todos os empregados municipais que teñan fillos que están cursando estudos teñen dereito a este tipo de axudas, con independencia do salario que perciban e, sen que importen as rendas do empregado municipal. Deste xeito é posible que un empregado do Concello, con salario fixo, poida acadar un importe superior ao que se lle concede a unha familia sen recursos e que solicita as bolsas públicas municipais.

O que é evidente é que esta redución no importe das bolsas públicas non se debe a que non existan rapaces que precisen o diñeiro para os seus estudos. Non hai que esquecer que, como fixo público Amigos de Galicia hai uns días na prensa, axudóuselles a un total de 21 escolares na adquisición de material escolar, e fíxose a través das colaboracións dos veciños e das librerías cambadesas. Parece que no Concello de Cambados non interesa axudarlles a estas familias e así dispoñer dun exceso de crédito nos orzamentos para destinalo ás axudas para o estudo dos fillos de empregados aínda que se exceda a partida orzamentaria.

Dende Anova cremos que urxe a creación dunha comisión municipal para crear unha nova ordenanza de bolsas, e instamos dende aquí, ao alcalde de Cambados, o señor Aragunde, a que canto antes se poña mans á obra con este asunto e que mentres tanto dende o Concello se lles preste atención a todas as familias con poucos recursos para que non teña que ser os servizos sociais e a boa vontade dos libreiros quen se ocupe de axudarlles a eses nenos.

25 sept 2013

Entrevista a Xurxo Charlin en relación á situación dos pensionistas emigrantes retornados coa Axencia Tributaria

Nos últimos meses o goteo de de pensionistas que foron emigrantes sancionados pola Axencia Tributaria e constante, e aproximase, en número de afectados, o caso das preferentes. Dende Anova Salnes, mais alo das nosas iniciativas políticas, como a de solicitar nos concellos que se habiliten oficinas de información, quixemos consultar a un experto nestas cuestións. A entrevista podedes ollala premendo no seguinte enlace:

"Nas europeas Galiza debe ter presenza como tal" - Entrevista a Beiras na TVG

Nas europeas, Galiza debe ter presenza como tal e ao tempo ser ensaio xeral dun escenario de ruptura democrática do réxime.

Dixo Xosé Manuel Beiras no Bos Días da TVG que "o réxime político do Estado está putrefacto". Nese escenario, as accións concretas deben ir encamiñadas cara unha transición política.

23 sept 2013

Alternativa Galega de Esquerda esixe que o Sergas revise o contrato de Clece no hospital do Salnés



Alternativa Galega de Esquerda esixe que o Sergas revise o contrato de Clece no hospital do Salnés polos conflitos laborais da empresa. O deputado Juan Fajardo insiste en que os pregos de contratación públicos impidan acordos con compañías privadas que violan os dereitos das traballadoras e traballadores

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, vén de esixir ao Sergas que revise de contado o contrato do hospital do Salnés coa empresa Clece, publicado estes días. “Non pode ser que a Administración pública contrate con empresas privadas coñecidas por violar os dereitos laborais dos traballadores”, denuncia Fajardo, “e o caso de Clece é paradigmático, envolta en numerosos conflitos laborais. Sen ir máis lonxe, contra as traballadoras e traballadores da limpeza no hospital de Vigo”.


O parlamentario de AGE volve insistir en que os pregos de contratación da Xunta con empresas privadas deben prohibir os acordos con compañías que violen a legalidade laboral e ataquen as asalariadas e asalariados. A este respecto, Alternativa xa presentou iniciativas parlamentarias, sistematicamente rexeitadas por un Partido Popular para quen o seu modelo de relacións laborais parece ollarse no espello da escravitude.


AGE abandona a comisión da corrupción pola manipulación e as imposicións do PP

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) abandonou esta mañá a denominada Comisión de estudo de medidas de prevención e erradicación da corrupción, farta da instrumentalización, da manipulación e das imposicións do Partido Popular. A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, denuncia que a estratexia da dereita no órgano parlamentario vén dende a súa mesma constitución, cando o PP se negou a pactar o plan de traballo e ditou unilateralmente o seu. “Así entende a democracia o partido de Feijóo”, afirma Díaz, “só se apoias sen chistar o que eles propoñen”.
Alternativa esixira xusto antes de se constituír a ponencia –da que tamén se ausentou o BNG- a comparecencia na comisión de Modesto Fernández. Fernández era o xerente do PP galego no 2006. Nese ano, segundo figura nos papeis de Bárcenas -o ex tesoureiro do PP agora encarcerado-, a organización que presidía Alberto Núñez Feijóo recibiu máis dun millón de euros de empresas privadas que violaron a legalidade sobre financiamento de partidos. “O PP non quere explicar o seu presunto financiamento irregular, será porque oculta algo”, engade Díaz.
No plan de traballo que presentará AGE incidíase na necesidade de ter en conta non só os corruptos senón tamén os corruptores. No caso concreto do presunto financiamento irregular do partido de Núñez, estas serían as empresas que doaron cartos ao PP por riba do límite legal. A comisión da corrupción, coa maioría absoluta do PP, tampouco quere saber nada disto. “Unha vez máis, o PP aplica a mordaza ao Parlamento”, denuncia a viceportavoz de AGE.  

20 sept 2013

O ensino público atópase nunha situación límite

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) alertou esta mañá de que o ensino público galego atópase “nunha situación límite”. A voz de alarma dérona en rolda de prensa os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, quen avisaron, ademais, de que se non se toman medidas, “levará decenios reverter este proceso”. Os ataques da Xunta do señor Núñez ao ensino público forman parte central da súa estratexia de devaluación xeral da existencia das galegas e dos galegos. Para este curso -2013-2014- fano con durísimas medidas que cuestionan o dereito á educación pública das cativas e cativos, estabelecen o repago nos comedores escolares e precarizan –aínda máis- os empregos do profesorado pola vía de aumentar as interinidades. 

“A Xunta asegura que o curso comeza con normalidade”, afirmou Xabier Ron, “pero iso é un embuste, de non ser que entendamos por normalidade un país en que 93.000 fogares están no desemprego e o paro xuvenil afecta a máis do 50% das persoas. Cun 33% de familias en situación de exclusión, non podemos falar de normalidade”. Nese contexto, a consellaría de Educación discorre un infame decreto sobre os comedores escolares para que as familias paguen por este servizo. Cando antes o 92% dos alumnos tiñan este dereito de balde, agora unha familia en que os pais cobren 825 euros de salario cada un deberá pagar 20 euros ao mes polo comedor. Se o soldo é de 1.125 euros, a tarifa que se lles aplica será a máxima, 45 euros ao mes. “Isto é o que Feijóo chama rendas altas, nin máis nin menos”, indignouse Ramón Vázquez, quen prognosticou que ese decreto fará que moitos nenos non poidan usar o comedor.
No deseño do Goberno do PP para a escola pública todo está planificado para destruír un dereito universal que só se conseguiu logo anos e anos de loita. Por iso tamén inclúe a precarización do profesorado mediante o mecanismo de facer aumentar os interinos. Só en primaria, medraron un 30% respecto do curso pasado –de 547 a 825. Mentres financia con subvencións colexios ultrarreaccionarios que segregan o alumnado por sexo, a Consellaría de Educación pecha 15 colexios públicos –case todos no rural- e deixa os sistema  con 57 aulas menos. Iso si, concerta 40 novas aulas con empresas privadas e 18 unidades de Formación Profesional. Os recortes nos cartos públicos para axudar a mercar os libros de texto –logo de eliminar a súa gratuidade- son do 10%. “O PP está a dar pasos para aclimatar o ensino á denominada Lei Orgánica de Mellora da Calidade do Ensino [Lomce]”.
Faino tamén pola vía da españolización dos itinerarios educativos e coa redución do galego nas aulas, algo inaudito na historia da autonomía ate que o señor Núñez chegou co seu discurso contrario á lingua propia de Galicia. Aínda hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de lle dar un ultimátum á Xunta para que elimine dunha vez a enquisa sobre linguas en que fundamenta o trato discriminatorio ao galego.

Os plans do PP para escola pública descartan, a maiores, a proposta que onte defendeu AGE na correspondente comisión parlamentaria de elaboración dun plan destinado a evitar carencias nutricionais no alumnado. Estas, que mestres e orientadores cadora detectan con máis asiduidade, fan preciso que a Administración pública actúe e para non deixar, así, todo en mans da caridade. A caridade e a beneficiencia foi exactamente a resposta que Alternativa obtivo do Partido Popular á súa proposta. “O PP négase e logo aproba un plan contra a obesidade, que está directamente relacionada cos problemas nutricionais”. A creación de aulas de castigo recollida no decreto que desenvolve a lei de convivencia é outro elemento máis da brutal ofensiva da dereita contra o ensino público e galego e de calidade. “Están a someter a sociedade galega a unha purga”, concluíu Ramón Vázquez.

ESPINA Y DELFÍN, EMPRESA ADXUDICATARIA DA XESTIÓN DA REDE DE SUMIDOIROS DA MANCOMUNIDADE DO SALNÉS, FIGURA NA RELACIÓN DE EMPRESAS QUE SUPOSTAMENTE FINANCIARON AO PP GALEGO

Nos papeis do “caso Bárcenas” sobre a contabilidade B do PP Galego, figura unha aportación no 2006, ano seguinte a adxudicación do contrato, por un total de 47.700 €.

Durante este verán, varios medios facíanse eco de que entre os documentos e informesque manexa o xuíz Pablo Ruz, en relación ao coñecido como “caso Barcenas” sobre o financiamento irregular do Partido Popular, figuraban informes que revelarían unha suposta contabilidade B do Partido Popular en Galicia, entre eles un informe sobre diversas doazóns, ata un total de 2.600.000 €, de empresas relacionadas coa construción e con adxudicacións de contratos da Xunta de Galicia.


Segundo a información publicada, estas doazóns non figuran na contabilidade oficial do partido e terían servido para o financiamento da campaña electoral das autonómicas do ano 2006. Entre as empresas que figuran nesa relación estaría “Espina y Delfín” cunha aportación de 47.700 Euros.

A parte do cuestión ética que pode supor que empresas que traballan e teñen contratos coa Administración Pública financien a determinados Partidos Políticos, hai que engadir que, de ser certo, constituiría unha situación irregular xa que, aínda que esta cantidade non supera o mínimo legal establecido na lexislación (que serían 60.000 €), trátase dunha empresa contratista de obra pública, feito prohibido nas leis sobre transparencia na administración e sobre financiamento de Partidos Políticos. Por certo a maioría destes contratos son dependentes da Consellería que entonces dirixía o actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

Pois ben, curiosamente no ano 2005 a empresa “Espina y Delfín” foi a adxudicataria do contrato administrativo da xestión integral do servizo público de sumidoiros dos Concellos do Salnés que teñen mancomunado este servizo a través da Mancomunidade (Cambados, Ribadumia e Vilanova, máis algunha zona de Meaño).   

Esta firma, única que se presentou ao concurso, facíase así tanto co mantemento da rede de sumidoiros, como das estacións de bombeo destes 3 concellos, conseguindo un contrato por un período de 25 anos, a cambio do cobro das tarifas aprobadas nos distintos Concellos...   Esta adxudicación tivo a súa polémica xa que dende a oposición denunciaron xa daquela o supoñer un incremento medio dun 23% nos recibos de saneamento.

Estamos falando da mesma empresa que esta estes días a pasar os recibos do saneamento co aumento correspondente ao ano 2013, máis o novo canón de saneamento imposto pola Lei de Augas da Xunta de Galicia;  e tamén da mesma rede de sumidoiros que leva tempo causando molestias, polos continuados fallos de mantemento e cheiros, aos veciños do Concello de Cambados.


Todo o anterior e casualidade ou causalidade??? Iso tamén nos preguntamos en ANOVA Irmandade Nacionalista, que non podemos deixar de reflexionar si existe ou non democracia real cando quen goberna forma parte dun sistema corrupto ou cando hai cada día máis casos de empresas que subornan a cambio de contratos ou concesións, subornos que logo terminamos pagando os cidadáns dos nosos petos.  Pensamos que xa ten chegado o momento de esixir a clase política que respete polo menos as regras do xogo que eles mesmos tentan impoñer aos demais.  

19 sept 2013

AGE esixe coñecer o caderno de vendas de NovaGaliciaBanco para deitar luz sobre o espolio do aforro galego

Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén de solicitar á comisión de investigación sobre as caixas de aforros que pida ao FROB o caderno de vendas de NovaGaliciaBanco encargado no mes de xullo á entidade BNP-Paribás. Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE, e Yolanda Díaz, viceportavoz, asinan un escrito no que esixen ao órgano parlamentario que incorpore o documento aos seus traballos. O caderno de vendas fixa o valor da entidade e, segundo a opinión de Beiras e Díaz, facelo público contribuiría “á defensa do interese de Galiza neste proceso de espolio do aforro galego”. 
É o señor Núñez e o seu Goberno quen están a facilitar o escurantista proceso de desintegración e venda do que un día foron as caixas de aforro galegas. “Ben por falta de vontade, ben por falta de peso político”, sinalan os autores da solicitude, “NovaGalicia Banco non é considerada sistémica, no fondo porque Galiza non é sistémica para a política e a economía estatal. Así, o FROB non vai facer os esforzos que si se fan, por caso, con Bankia para conservar unha entidade galega de creto”.
Para Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o proceso de liquidación de NovaGaliciaBanco non pode quedar na sombra e ser unicamente coñecido polos grupos financeiros que participan na rapiña. Non pode ser que os fondos de investimento e os bancos saiban do caderno de vendas e do seu contido e a cidadanía galega, que cos seus cartos pagou o rescate público da entidade. AGE tamén pregunta ao presidente da Xunta a que se debe o seu interese en manter ocultos estes papeis.

18 sept 2013

Beiras denuncia que os incendios son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder ignorou sistematicamente”

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, denunciou esta maña en rolda de prensa que os incendios forestais son “unha desfeita ecolóxica recorrente que o poder autonómico ignorou sistematicamente”. “É como se a catástrofe do Prestige se repetise cada ano e que os sucesivos Gobernos da Xunta non tomasen ningunha medida estratéxica, de longo alcance, ao respecto”, expuxo, antes de explicar a proposición non de lei (pnl) do seu grupo parlamentario que recupera o Ditame da Comisión non permanente para estudio da problemática dos incendios forestais aprobado polo Parlamento en 1987. Trátase dun documento que recolle 47 medidas concretas contra a problemática dos lumes. “Entre outros asuntos, inclúe a necesidade de ‘conseguir que as accións preventivas teñan cada vez máis importancia”, sinalou Beiras, “algo que, como vimos este ano, en que os traballos preventivos comezaron en xullo, segue sen se cumprir”.
As maiorías absolutas de Fraga Iribarne deixaron ese acordo unánime nun caixón. “É un exemplo de como o Partido Popular trata o traballo da oposición, desprézao e ignórao, especialmente dende a chegada de Fraga Iribarne e ate hoxe”, engadiu o portavoz de Alternativa, “e esquécese, cando se fala de alternativas, que no fondo dos arquivos deste Parlamento hai alternativas elaboradas pola oposición que nunca foron aceptadas polos gobernos do PP”. O caso do ditame de 1987 sobre os incendios non é este, xa que foi asinado por unanimidade na Cámara daquel ano.
Pero AGE vai máis alá de rescatar ese documento histórico. A través do deputado Antón Sánchez, que acompañou a Beiras na comparecencia antes os medios de comunicación, presentou outra proposición non de lei con 13 medidas para “entrar no fondo da cuestión dos lumes, algo que pasa por fixar poboación no medio rural”. Segundo Sánchez, a actitude do señor Núñez diante dos incendios redúcese a “inventar unha frase lapidaria cada día para intentar desviar a atención e eludir as súas responsabilidades”. Logo de cinco anos seguidos de Goberno, o PP de Núñez non elaborou un diagnóstico serio sobre o que acontece nos montes galegos. “Se o 45% dos lumes do Estado español prenden en Galicia, a que se debe? O señor Núñez intentou sabelo? Que medidas tomou?”, pregúntase o deputado, quen ataca a actitude do presidente da Xunta e equipáraa cun ministro do Interior que achacase as causas dun aumento de delincuencia aos delincuentes.
“O que acontece en Galicia non é casualidade”, estendeuse Antón Sánchez, “e ten que ver cun modelo forestal de baixa calidade ao servizo da industria pasteira ou cunha Xunta que non fai nada para impedir a reforestación ilegal de terras agrarias, xa denunciadas”. Entre 1987, ano do ditame do Parlamento galego ao respecto, e hoxe, 350.000 persoas abandonaron a actividade agraria. Eis unha das chaves do que sucede cada ano no monte galego. “Nos últimos anos, enfrontouse o monte coa actividade agraria, cando a súa relación sempre fora de cooperación”, concretou. Entre as medidas que AGE propón, logo de consultar con asociacións ecoloxistas, sindicatos agrarios ou mancomunidades de montes, atópanse un novo planeamento do monte a cincuenta anos vista, a profesionalización da detección e extinción de incendios ou un ordenamento territorial que fomente alternativas produtivas no rural.

17 sept 2013

Beiras advirte de que AGE seguirá a defender os cidadáns “custe o que custe”

“Non estamos dispostos a aceptar chantaxes nin do poder nin dos seus cómplices. Alternativa Galega de Esquerda vai continuar exercendo a dignidade, defendendo aos cidadáns e retroalimentando a rebelión cívica custe o que custe”. A comparecencia de prensa de Xosé Manuel Beiras, posterior á xunta de portavoces do Parlamento serviulle ao líder de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) para ofrecer unha reflexión xeral sobre “a degradación e podremia” do réxime saído da Segunda Restauración Borbónica e das súas institucións. Entre elas, a Cámara de representantes galega. E fíxoo apenas uns minutos despois de que o Partido Popular se negase, en comisión, a condenar as infames declaracións do alcalde de Baralla en que xustificaba os asasinatos franquistas e frivolizase coas vítimas do franquismo.


“Nós chegamos aquí cun contrato cos cidadáns”, explicou Beiras, “e alerta para non adquirir compromisos podres, como advertía Oskar Lafontaine, usuais neste Parlamento. Iso comporta unha actitude obxectivamente transgresora. Pero por máis exasperación que amosemos nos debates, esta non é equiparábel ao acoso e discriminación ao que estamos sometidos polo PP”. De “fascismo de novo deseño” alcumou Beiras as actitudes dunha dereita, a comandada polo señor Núñez en Galicia, que encarna o poder corrupto, ese que nin sequera acepta dar explicacións nas institucións de asuntos como o financiamento irregular do PP galego ou sobre as responsabilidades no accidente de tren de Angrois. “Iso si, logo permítense atacar a AGE por defendermos os dereitos constitucionais de catro mozas e mozos [en referencia ás independentistas condenadas pola Audiencia Nacional cunha sentenza desproporcionada e inxusta]”, engadiu o portavoz de AGE, “condenados con leis de excepción inconstitucionais, que producen indefensión e que son denunciadas por Amnistía Internacional ou Justicia y Paz”.
Perante este estado de cousas, en que a maioría parlamentaria emprega o poder lexislativo como o seu couto privado, Beiras esixiu aos órganos de dirección do Parlamento que actúen en correspondencia coa defensa dos dereitos dos representantes. “E para analizar a violencia recoméndolles un libro de Löis Vacquant, Os cárceres da miseria, sobre os procesos que conducen á transformación dun Estado social nun Estado penal”, espetou, “porque o que temos é unha maioría social asfixiada polas políticas do PP e este, no canto de procurar solucións, aplica a represión pura e dura”. O portavoz de Alternativa rematou expondo que contra a apoloxía do fascismo do PP –que na comisión parlamentaria mesmo chegou a facer burla da condición de represaliado do pai da viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz-, o seu grupo parlamentario seguirá a “defender os cidadáns, mozos e vellos, e os dereitos constitucionais de todos”

15 sept 2013

Anova proponlles ás forzas nacionalistas e de esquerda unha fronte ampla para a ruptura democrática nas eleccións europeas

A Coordinadora Nacional de Anova, reunida en Teo o 14 de setembro de 2013, acorda pular por unha fórmula de fronte ampla non excluínte para as eleccións europeas.

As vindeiras eleccións europeas poderiamos abordalas como unhas eleccións máis para representar a Galiza no Parlamento Europeo, mais Anova debe apostar por convertelas nun plebiscito do réxime ou, polo menos, nun ensaio xeral da creba democrática.
Por iso, Anova acorda:
1. Facer un chamamento a todas as forzas políticas galegas nacionalistas e da esquerda rupturista, aos movementos cívicos, para dialogar e conformar un acordo de unidade de acción electoral para as eleccións europeas baixo a fórmula dunha fronte ampla non excluínte.
2. Facer un chamamento ás organización políticas, e tamén ás plataformas e organizacións cívicas das outras nacións, para que baixo o principio do máximo respecto á autoorganización de cada unha delas, constitúan o seu suxeito político plural disposto a partillar connosco nunha coalición electoral que teña como propósito común a loita pola fin do réxime, a ruptura democrática e a democracia real.
Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova, fixo a proposta de frente ampla para as eleccións europeas, unha alianza de todas as forzas rupturistas a nivel do Estado con dous eixos: o dereito de autodeterminación das nacións e a creba do réxime da segunda restauración borbónica.




12 sept 2013

AGE denuncia a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta mentres arde o monte Pindo

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia “a soberbia, a ignorancia e o discurso triunfalista da Xunta” xusto cando está arder o monte Pindo, lugar de enorme importancia natural e símbolo nacional galego. “Sentimos raiba e indignación”, afirmou Sánchez esta mañá, “ante a soberbia e a ignorancia do señor Núñez”. “O Goberno fixo un discurso triunfalista sobre os lumes e focaliza o problema nos incendiarios”, engadiu, “que é como se o ministro de Interior descargase a responsabilidade no aumento de delincuencia nos delincuentes”. Para AGE, a política forestal da Xunta é inexistente e, polo tanto, absolutamente irresponsábel. Que haxa ou non lumes nos montes, sinala Sánchez, “depende unicamente das condicións climatolóxicas. Isto é intolerábel”.


“O único que fai o presidente é propaganda e publicidade, e a conselleira [de Medio Rural, Rosa Quintana], amosar a súa ignorancia”, explicou o deputado de Alternativa, “e ao PP só lle interesa gañar as súas batalliñas”. No debate do pasado martes, no pleno do Parlamento, a responsábel de Medio Rural “deu datos falsos e non abordou os cambios en profundidade que precisa o modelo agrario e forestal en Galicia”. Segundo Antón Sánchez, o despoboamento do rural atópase entre as causas centrais das vagas de lumes que cada ano arrasan os montes do país. “A Xunta debería comezar por facer cumprir a lei de prevención de incendios forestais”, concluíu o parlamentario de AGE, “porque hai centos de denuncias por repoboación forestal e plantacións ilegais que fican sen tramitar”.

11 sept 2013

O señor Núñez agóchase e non explica no Parlamento o financiamento irregular do PP

“Unha vez máis vostede, señor Núñez, agóchase da opinión pública e do Parlamento e non explica aos cidadáns o financiamento irregular do PP de Galicia”. Sobre este eixe, a viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Yolanda Díaz esixiu ao presidente da Xunta –na sesión de control do pleno do Parlamento- aclaracións sobre o financiamento irregular do seu partido, que figura entre os papeis do antigo tesoureiro do PP Luis Bárcenas. E que inclúen doazóns de empresas superiores á contía legal -60.000 euros- cando Alberto Núñez Feijóo xa presidía a organización. “Vostede contrata con esas compañías pero non dende que preside o Goberno”, espetoulle Díaz, “senón dende que era amigo de Marcial

10 sept 2013

O Concello de Cambados deixa de apoiar a Feira de Oportunidades do Comercio Local que tanta falta fai non so para os comercios se nontamén para os cidadáns.


A xa habitual Feira de Oportunidades do Pequeno Comercio Local, que se viña celebrando dende fai varios anos, e que servía,non so para que o pequeno comercio local puidera darlle saída o stock acumulado nas súas tendas, se non tamén para que moitos cambadeses puideran facer as compras a un prezo reducido, nose vai celebrar na súa sétima edición, pola falta de interese deste tipo de iniciativas por parte do Goberno do Partido Popular de Cambados.

Cada ano dende que no 2010 se modificou o seu carácter bianual debido a crise económica e a diminución de ventas no sector, no paseo da calzada, aproveitando as visitas de turistas durante a temporada de verán celebrábase a Feira de Oportunidades do Comercio Local de Cambados, evento organizado pola asociación Zona Centro, e que contaba coa axuda indispensable do Concello de Cambados, o cal cedía o terreo onde se celebraba esta feira.

Pero este ano parece que non foi do interese do goberno local do PP que actuou en beneficio de outro tipo de eventos.

A feira que se realizaba durante o ponte do 15 de Agosto, un dos de maior afluencia de turistas, foi referencia e unha gran axuda ano tras ano ao pequeno comercio local de Cambados, chegando a superar os 160.000 €, 4.000 ventas e mais de 14.000 visitas no exercicio 2011, ou acadar unha soa tenda mais de 20.000 € en facturación no 2012, e o que é mais importante de todo, axudando principalmente o pequeno comercio local, xa que este tipo de feiras están obrigadas a que as dúas terceiras partes dos comerciantes participantes deberán exercer a súa actividade no respectivo municipio, o que axuda a desfacerse do stock da temporada estival, e permítelles acadar a liquidez suficiente para poder facer fronte as adquisicións de nova mercancía e rotar así o seu producto. Podense leer artigos da prensa onde se califica as anteriores edicións como, "ventas espectaculares, exito rotundo porque desbordaronse as nosas previsións", "Cumprironse de sobra as nosas expectativas"

Pero en troques de que o Goberno do PP de Cambados, aposte firmemente por este tipo de iniciativas que poidan axudar a este sector, que tanto esta a sufrir a situación económica que estamos a vivir, ademais de que moitos cambadeses poidan facer as súas compras a un prezo mais económico e de unha forma moito mais lúdica, decidiuse dende o Concello de Cambados, apostar este ano, nas mesmas datas onde se viñan celebrando esta actividade, por unha feira de produtos ecolóxicos, “Eco-logical Galicia”, que según a propia paxina web do Concello de Cambados, “A feira Ecological Galicia nace da inquedanza de Gestievent, co respaldo do Concello e da Xunta de Galicia” e inda que é certo que dentro da feira podiamos atopar pequenas empresas, ningunha delas era de Cambados. 

Dende Anova Cambados, estamos totalmente a favor da celebración deste tipo de eventos, e que a Xunta de Galicia promova este tipo de actividades. que non vemos de recibo, e que se deixe de celebrar unha feira tan importante como a Feira de Oportunidades do Pequeno Comercio Local, ou que se lle ofreza o despropósito de cambiar a data por unha fora da tempada que viña sendo habitual, na que non tería sentido vender a roupa de verán, e todo isto simplemente por que interesa dende o Goberno do PP de Cambados promover outro tipo de iniciativas nas que non atopamos empresas da nosa vila.

Consideramos que o primeiro de todo é apoiar o pequeno comercio na actual situación que estamos a vivir, onde dia tras dia vemos pechar pequenos negocios e como pouco a pouco as nosas rúas están a quedar baldeiras, cun goberno local que esta apoñer trabas tódalas iniciativas que están a demandar dende o sector, como a redución das taxas do Lixo que levou á protesta en forma de apagón que se fixo ala polo mes de Febreiro deste ano, e que o Alcalde de Cambados, o mesmo alcalde que no pasado pleno declarou que a principio de ano se contába cun excedente de liquidez de mais de 300.000 €, e que a débeda bancaria era so do 50 %,   ignorou alegando que sen eses ingresos non haberíacartos para limpar as rúas.

Preguntamonos como pode ser que o noso Alcalde non se dea conta de que afogando o pequeno comercio esta matando pouco a pouco o noso pobo.  Ou quizais sexa que o noso alcalde non apoia iniciativa ningunha se non hai beneficio para algunha das empresas amigas, inda que esta iniciativa sexa unha feira que foi unéxito en participación e ventas ata este último ano.


9 sept 2013

A nova lei do emprendemento do PP eximiría de licenza municipal a proxectos como Corcoesto

Antón Sanchez, deputado de A.G.E.

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, denuncia que o denominado proxecto de lei “do emprendemento e da competitividade económica de Galicia”, publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia o pasado martes, non é máis que un texto neoliberal extremista e que resume toda a propaganda de desregulación das políticas que conduciron á actual crise económica e social.

 Pero non só iso. Segundo expón Sánchez, “o Goberno do señor Núñez non dá puntada sen fío e, coa nova norma na man, proxectos mineiros e ‘aproveitamentos’ hidroeléctricos como as minicentrais non precisarían licenza municipal”. É dicir, de saír adiante, un proxecto colonial e depredador como a mina de Corcoesto aforraría autorizacións e trámites e tería aínda máis doada a súa instalación no país. “O texto reduce o control municipal á

5 sept 2013

I Romaría de verán de ANOVA – O Salnés

Dende Anova IN da comarca do Salnes queremos invitar a todolos simpatizantes e militantes a I Romeria de verán que se vai celebrar o próximo Domingo 8 de Setembro na Illa de Arousa.

O máis importante, ter a oportunidade de pasar un día xuntos todas as persoas que traballan e teñen ANOVA como o seu referente en política, e tamén coas nosas familias. Queremos que sexa tamén un día para compartir coas nosas familias, e que vexan en primeira persoa eso que lles contamos do bo ambiente e rollo que hai en ANOVA – Salnés.

Animadevos a participar, que é un moi bo xeito de acabar o verán e retomar o pulso da vida política que hai moito traballo que facer….

I Romaría de verán de ANOVA – O Salnés

Illa de Arousa – Domingo 8 de Setembro.


·         11.00 H.:  Visita guiada ao Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa e ao muelle de pau
(o punto de encontro e partida será diante do Edificio do Concello da Illa, na Rúa de Palmeira {ao outro lado do paseo do Cantiño})

·         12.00 H.:  Proxección do documental “Doli, doli, doli…. coas conserveiras” sobre o traballo das mulleres da conserveira Odosa, da Illa e a loita que levaron a cabo para conseguir o recoñecemento do tempo traballado.


·         13.00 H.:    Roteiro ata o Mirador do Santo (no Con do Forno), o punto máis alto da Illa.

·          14.30 H.    COMIDA de confraternidade na Área de lecer da Praia Area da Secada.


o  Esta reservado un menú, na carpa do Chiringuito existente na propia área de lecer, por un prezo de 10 Euros persoa (Mexillóns; Empanada e Xamón asado con patacas fritidas e ensalada. Inclúe pan, refrescos e café [non postre]).

2 sept 2013

O Alcalde de Cambados utiliza a mentira e a omisión de datos no debate plenario onde se aprobaron as Contas Xerais do Exercicio 2012

O Pleno celebrado o pasado Xoves no Concello de Cambados, onde se aprobaron as Contas do Exercicio 2012, demostrou como o Goberno do PP ten que utilizar datos terxiversados e a mentira para poder saír o paso das irregularidades que se observan neste documento, e que dende Anova Cambados xa fixemos publicas estes días, no que a través das redes sociais se deu a coñecer como o  #Cambadosleaks, e ata chegar a omitir falar de temas tan importantes como o situación do Polígono Industrial Sete Pias, onde as débedas a facenda municipal ascende a mais de 180.000 €, e que non fixo ningún tipo de referencia durante toda a intervención.  

Comparativa Gasto Persoal sobre Orzamento
IRREGULARIDADES NA XESTIÓN DO PERSOAL:

Según declaracións do Alcalde de Cambados, este Concello destina un 36 % dos Orzamentos de cada Exercicio a Partida orzamentaria de Salarios, e chega a dicir que revisando os datos, e comparando co resto de Concellos da Comarca e un dos poucos que ten este porcentaxe, chegando a mencionar o concello de Vilagarciá, criticando a xestión do persoal con respecto os orzamentos, e que estes chegan a superar o 50 % dos mesmos.

Dende Anova Cambados, non vamos a permitir que o Alcalde de Cambados utilice a mentira e mais con datos públicos que calquera veciño pode comprobar, non se pode permitir que se engane o Pleno do Concello de Cambados e polo tanto a toda a Cidadanía, para querer xustificar o Gasto desorbitado en salarios do persoal municipal, chegando a falsear datos doutro Concello para querer xustificar a mala xestión que se esta a producir ano tras ano nesta materia, a pesares de ser advertido cada mes por parte da interventora municipal.
Comparativo Custe Salarial sobre Orzamento

Na Imaxe adxunta pódese comprobar que o Concello de Cambados é o que destina un Porcentaxe maior de toda a comarca, con respecto os orzamentos do exercicio, tanto na partida orzamentaria de Salarios, como no referente o gasto en soldos do persoal municipal, no exercicio 2011, que é o ultimo exercicio que son públicos os datos das corporacións locais, e o Concello de Vilagarciá de Arousa, o que acusou no Pleno de destinar mais de un 50 % dos orzamentos a salarios de persoal, resulta que adica un importe menor que o propio Concello de Cambados, sendo o que maior gasto destina nesta materia de tódolos concellos da Comarca. Esta forma de mentir no Pleno, a cidadanía de Cambados utilizando datos totalmente falsos e sesgados, foi criticada polo propio alcalde a oposición, chegando a dicir que vos, en relación aos partidos da oposición, utilizades medias verdades, que é como se fose unha mentira. O mais grave de todo e que o Alcalde de Cambados nesta materia, non chegou a utilizar medias verdades, utilizando datos totalmente falsos para poder saír do paso como se pode comprobar na táboa adxunta.






IRREGULARIDADES NO POLIGONO INDUSTRIAL SETE PIAS:


Apesares de ser denunciado tanto por Anova, como polo resto de partidos da oposición, a actual situación irregular do Polígono Industrial Sete Pias de Cambados, na que existen parcelas sen cobrar dende o exercicio 2001 e 2002, e como denunciou a interventora municipal, atopándose a débeda nunha situación de total inacción por parte do Goberno Municipal; ademais de existir varias naves arrendadas polo propio concello e que ano tras ano acumulan unha débeda coas arcas municipais, chegando unha delas a deixar o local arrendado e existindo unha débeda pendente de abono dende fai mais de dous anos. O Alcalde parece que se lle esqueceu o tema, na súa intervención no pleno, e na replica, non fixo mención algunha nin cal e o motivo desta situación, que leva a perder mais de 180.000 € a facenda local, e que parece que o Goberno do PP de Cambados non ten xustificación algunha para esta situación, ou pensan que non a merecemos, ou non a quixo dar a os veciños de Cambados, nin quixo dar ningún tipo de aclaración a inacción por parte do Goberno do PP de Cambados na reclamación de dita débeda, o que nos leva a pensar que o mellor estas irregularidades son moito maiores, ou se cadra non se trata de débedas reais, permitindo ano tras ano ampliar o teito de gasto, e poder cadrar mellor as contas de cada exercicio.

AMPLIACIÓN DA PARTIDA ORZAMENTARIA DAS BECAS MUNICIPAIS

Dende Anova Cambados estamos totalmente dacordo con este tipo de medidas, pero o que queremos denunciar e que non vale de nada ampliar a partida orzamentaria, se a mesma non se esgota nesa aplicación, non se pode presumir de ter uns presupostos nos que se manteñen as partidas en asuntos sociais, cultura e deporte, cando estas partidas orzamentarias non se utilizan para ese fin o non seren esgotada ditas partidas, para explicar esta situación vamos a mostra no seguinte gráfico a evolución do gasto definitivo destinado a becas de estudio nos últimos tres anos, e que a pesares de manter a mesma partida orzamentaria, como o gasto real cae ano tras ano, chegando a destinar no exercicio pasado, que foi aprobado neste pasado pleno, un 32,14 % do gasto real da partida orzamentaria de becas de estudio, gastándose un total de 2.250 € dos 7.000 € que se dispoñen para este apartado nos presupostos municipais. Polo que non ten sentido ningún presumir de manter estas partidas ou se cadra amplialas, se o final os cartos non son destinados para estes usos, utilizando estes fondos sobrantes para pagar horas extras a certo persoal de confianza, ou obras sen adxudicación e irregulares as mesmas empresas ano tras ano.

CONCLUSIÓNS:

Que fai o PP de Cambados diante desta situación?, APROBAR AS CONTAS MENTINDO E SEN DAR EXPLICACIONS A CIDADANIA, a pesar da reiteración de advertencias e irregularidades cometidas na Conta Xeral do Exercicio 2012, utiliza nin se quera as medias verdades, se non que datos falsos, ou o silencio nos temas onde non se pode nin xustificar utilizando a mentira.  Esta situación só pode explicarse polo interese do Partido Popular de que as Contas Xerais sexan aprobadas ano tras ano, sen importarlle chegar a utilizar a mentira ou a omisión de información a os veciños de Cambados.

Para o Grupo Local de ANOVA Irmandade Nacionalista de Cambados non se pode seguir ignorando estas irregularidades, entendemos que xa está ben desta situación.  Estamos nun momento en que os cidadáns están cansos de ver todos os días situacións de corrupción na política, polo que entendemos que o PP non pode seguir a actuar así en Cambados.

Dende ANOVA despois de escoitar como se utiliza a mentira para tentar buscar unha xustificación, e non escoitar nin unha soa explicación pola actual situación na que se atopan as irregularidades do Polígono Industrial Sete Pias, vémonos na obriga de trasladar está situación ao Parlamento Galego, a través dos Deputados de Alternativa Galega de Esquerda, para que interpelen ao Vicepresidente da Xunta de Galicia, e secretario en excedencia do Concello de Cambados, sobre si avala está xestión irregular e se ese é o modelo que pretende implantar nos demais Concellos o Partido Popular.

A continuación tendes a Intervención e a Replica do Alcalde Cambados en relación a aprobación das Contas Xerais do Exercicio 2012 no ultimo pleno, todos estes Videos son gracias a Cambados(TK) e dende este Blog, queremoslle agrader publicamente o seu traballo.