3 may 2013

A mocidade de Anova tacha de inútil e cortina de fume a campañadedesprestixio contra Beiras


A área de Mocidade de Anova rexeita as recentes declaracións do Secretario Xeral de Novas Xeracións sobre Xosé Manuel Beiras.

Parécenos infame e, por outra parte, inútil a campaña de desprestixio que o PP está a lanzar contra Xosé Manuel Beiras a través de NNXX, tratando así de diluír o escándalo das relacións do Presidente Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado.

A mocidade galega consciente non tolerará máis mentiras e cortinas de fume sobre o desgoberno da Xunta de Galiza.

A rolda de prensa de Javier Dorado amosa dúas cousas: unha, que o PP non entende o que está a suceder no noso País e no mundo, outra, afán de protagonismo político a costa dun xesto de dignidade de Xosé Manuel Beiras, comprendido e apoiado pola xente do común da Galiza.

O voceiro nacional de Anova ten unha exemplar traxectoria como mestre, e así é valorado polo estudantado, como demostra a ampla audiencia que suscita nos eidos universitarios, como nas recentes charlas na Universidade da Coruña e na de Santiago de Compostela, ateigadas de mozos e mozas. O profesor Beiras non ten que demostrar - moito menos ao Presidente de NNXX - a súa solvencia intelectual e a contribución fundamental que fixo e fai ao pensamento económico galego e ao pensamento político da esquerda.




A mocidade deste país non acepta actitudes paternalistas do Partido Popular, que acusa do que fai: adoutrinamento e consignas baratas en lugar de razonamento e pensamento crítico.

Segue a ser Beiras un referente para a mocidade, para aquela que se animou a participar na loita política nos anos 90; para aquela que hoxe en día sintoniza coa súa rebeldía e a súa posición ética, tal e como demostran os auditorios ateigados de xente moza, as innumerábeis mensaxes de ánimo, a crecente intención de voto entre as franxas máis mozas da poboación. Nin as demagoxias de Paula Prado ou Javier Dorado repetidas mil veces farán que Beiras deixe de ser exemplo de ética na política e de defensa dos intereses da maioría social.

A mocidade galega consciente non tolerará máis mentiras e cortinas de fume sobre o desgoberno de Feijóo, como as axudas á "empregabilidade" ou a iniciativa "mocidade emprendedora". Que imos emprender cunha economía en recesión? Que pode dicir o PP despois de recortar nun 62% o orzamento de intermediación laboral, nun 68% o fomento da ocupación, nun 86% os servizos de emprego e nun 52% a promoción estrita de emprego, ademais de despedir a un cento de orientadores e orientadoras laborais? Na actual situación económica as medidas da Xunta pretenden deixarnos como única saída a emigración. A mocidade consciente deste País, afogada no paro, na precariedade, á que se lle impide o acceso en igualdade de condicións á Universidade - na que dende 2009 os gobernos de Feijóo acumulan máis dun 19% de recortes nos seus fondos -, sabemos que é preciso un cambio radical de modelo económico e social para poder vivir e traballar na nosa terra. E sabemos que Xośe Manuel Beiras e o seu pensamento representan unha alternativa a esta socieade inxusta.

O que latexa por debaixo do xesto de Beiras - e que o PP non quere entender - é a indignación de cada vez máis milleiros de galegos e galegas que teñen que tolerar que o seu Presidente non dá explicacións pola súa relación cun dos capos da droga en Galiza, mentras esta facía estragos nas xeracións mozas; o que representa o xesto de Beiras é á xente que non pode tolerar a soberbia dun presidente dun goberno que está a destruír o noso País, vendéndoo á megaminería contaminante, afogando os sectores produtivos, dinamitando as caixas de aforro, apagando o noso futuro.
"Cando o sabio sinala a lúa, o imbécil mira o dedo", di un dito popular. Cando Beiras se indigna no Parlamento ante as evasivas dun narcopresidente, quen non entende que o rebentón social xa se está comezando a producir, só mira o dedo, non a lúa. Pero aí está a situación social, que lle estalará na faciana aos gobernos do PP - na Xunta e no Estado - e que imos conseguir encarreirar cara un proceso de creba democrática que poña fóra do Poder a quen goberna en contra do 99% da xente.

Xosé Manuel Beiras está xa na Historia deste País, na historia das que loitamos porque se recoñezan os dereitos políticos desta nación, na Historia das maiorías sociais que pulan pola súa emancipación.

Premendo na imaxe podes ver o video da rolda de prensa, onde nos deixa ver un alto nivel cultural leendo os papéis seguido, é unha mostra da preparación das Novas Xeracións do PP.


No hay comentarios:

Publicar un comentario