2 may 2013

Reunión de AGE co Delegado do Goberno de Galicia pola complicidade nosaqueo a factoría de Conservas Cuca


Samuel Juárez recoñece que non sabían a situación real que se estaba a dar no conflicto de Conservas Cuca en Vilaxoan. O delegado do goberno en Galicia, Samuel Jesús Juárez, admitiu nun encontro co voceiro de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, e o deputado, Juan Manuel Fajardo, que descoñecían as situación real na que se atopaba o conflicto entre o empresario Garabilla propietario de Conservas Cuca e as traballadoras da fábrica de Vilaxoan cando as forzas policiais permitiron o saqueo da factoría por parte da empresa nunha actuación contra as traballadoras que estaban concentradas as portas da empresa precisamente para tratar de impedir que se sacase a maquinaria.


O encontro que tivo lugar esta mesma mañá na Delegación do Goberno de Galicia serviu para obter información sobre os motivos que xustificaron esta actuación policial e clarexar ata que punto a Delegación do goberno era consciente no que estaban a participar. O delegado do goberno explicou que foi a empresa a que demandou a intervención policial para poder sacar da factoría a maquinaria, unha maquinaria que tal e como informaron os representantes de AGE ao delegado está incluída nun proceso xudicial aínda sen resolución e que determinará se é legal ou non que a empresa saque esta maquinaria da fábrica de Vilaxoan. De resolverse que a empresa non pode sacar da fábrica as máquinas, daríase a situación de que as forzas policiais terían posibilitado que a empresa levase a cabo unha acción ilegal tal e como destacou o propio voceiro de AGE no encontro con Samuel Juárez.


O delegado do goberno en Galicia evitou entrar a valorar a actuación policial limitándose a dicir que “as cuestións operativas non se deciden na delegación do goberno” aínda que si sinalou que non vía algo grave que a policía impedise o paso á rúa, que as traballadoras saíran do caseto no que estaban instaladas as portas da fábrica ou mesmo que obrigaran aos veciños da zona saíran das súas casas. A xustificación para esta actuación asegurou está en que as forzas da orde pública buscan sempre impedir un dano maior.

Desde Alternativa Galega de Esquerda queren lembrar que esta actuación policial que amparou as prácticas liquidacionistas do empresario valeuse de todo tipo de tácticas. Inhibidores de frecuencia para que as catro mulleres que defendían, á unha da mañá, as portas da fábrica non puidesen avisar os veciños, rúas cortadas polos axentes policiais e mesmo prohibición aos habitantes de Vilaxoán de saír das súas casas. “Con nocturnidade e contra operarias, convertendo o lugar nun auténtico estado de sitio, o que para AGE resulta intolerábel” tal e como lembrou o deputado Juan Manuel Fajardo.
O delegado do goberno tampouco quixo aclarar se o alcalde do concello de Vilagarcía, Tomás Fole, estaba informado sobre a actuación que se ía realizar na fábrica de Vilaxoan, sen chegar a negalo cando o deputado de AGE lle preguntou ao respecto.

Ante o acontecido o grupo parlamentar de AGE solicitou a comparecencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que foi rexeitada polo PP polo que se instou á Presidencia a pedir un informe sobre o acontecido ao subdelegado do Goberno en Pontevedra e máis do delegado do Goberno en Galicia. O delegado, Samuel Juárez, tras a reunión desta mañá cos representantes de AGE e a petición de Xosé Manuel Beiras, comprometeuse en enviar por escrito á Presidencia do Parlamento un informe no que se reflictan as explicacións e informacións aportadas ao seu grupo parlamentar.








No hay comentarios:

Publicar un comentario